A Xunta pon o broche de ouro ao ano dedicado a Fernández del Riego coa presentación do XLVI Caderno Ramón Piñeiro

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do último volume desta colección, titulado ‘Francisco Fernández del Riego no río do tempo’

Con esta entrega, os cadernos editados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades chegan aos 20 anos de vida
 

Lourenzá (Lugo), 28 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia pon o broche de ouro a un ano de celebracións arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023, coa presentación do último volume da colección Cadernos Ramón Piñeiro, titulado Francisco Fernández del Riego no río do tempo. O traballo, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, foi presentado hoxe en Lourenzá, vila natal do autor, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo despedir un ano “moi especial para as Letras Galegas xa que, homenaxeando a don Paco, non homenaxeamos só ao polígrafo, ao intelectual, senón tamén ao impulsor desta efeméride sen a cal a día de hoxe xa non entenderíamos Galicia e a lingua galega”.

Homenaxe colectiva

Francisco Fernández del Riego no río do tempo reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Deste xeito, os diferentes ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e tamén nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da Real Academia Galega (RAG) ou o seu compromiso coa Fundación Penzol que tantos anos dirixiu.

Do mesmo xeito, noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento. Así sucede co seu traballo como tradutor, historiógrafo, lector cosmopolita, o seu interese pola filosofía galega, pola figura de Prisciliano, pola Nova Narrativa, as publicacións hemerográficas ou a súa amizade con figuras como as de Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros asuntos tratados.

Este caderno monográfico foi coordinado polos investigadores da Área de Literatura do Centro Ramón Piñeiro Tamara Andrés e Manuel Naveira Fuentes e polo director dos Cadernos Ramón Piñeiro, o profesor e crítico literario Armando Requeixo.

Con esta entrega, a número 46, os Cadernos Ramón Piñeiro chegan xa aos seus 20 anos de vida repasando, entre outras asuntos, a vida e obra dos autores homenaxeados cada ano nas Letras Galegas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua