O programa de dinamización lingüística da Xunta "21 días co galego e +" chega por primeira vez aos centros de educación infantil

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Centros e Recursos Humanos participan na apertura da VI edición, que se estenderá ata o 6 de febreiro

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

O programa de dinamización lingüística da Xunta 21 días co galego e + bota a andar a súa VI edición cunha novidade principal, a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes. Así o avanzaron esta mañá no acto de apertura desta iniciativa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, que destacaron “a importancia de enfocar nas primeiras etapas educativas o esforzo dinamizador e normalizador da lingua galega”. 

Nesta nova edición, que se desenvolverá en 10 centros de Educación Infantil e Primaria das catro provincias entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, participarán voluntariamente 4.587 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, unha cifra que por segundo ano consecutivo bate récord de participación nesta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. 

Na sesión de apertura, que acolleu a Facultade de Ciencias da Educación baixo a organización do Colexio CEIP López Ferreiro, tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, así como representantes institucionais e o profesorado e alumnado do centro. Ademais, os restantes nove centros adscritos ao programa realizaron cadanseu acto de apertura ao longo do día de hoxe.

Difusión e encontro final

Baixo o lema Medrando en galego, o alumnado dos centros participantes intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante 21 días. Disto quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións dos centros participantes e onde, por primeira vez, tamén se publicará durante as tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor iniciado nos centros.

Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración externa co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres, e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos 10 centros educativos. 

O broche de ouro da edición porao de novo o Encontro 21 días co galego e +, que na súa segunda edición, reunirá o 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Auditorio Domingo Fontán do Gaiás para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias no programa. 

Centros voluntarios participantes

Neste curso 2023/24 o programa desenvolverase nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.

Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no Instituto IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua