A Xunta reforzará as aulas hospitalarias con material didáctico para traballar o galego e a expresión artística entre a rapazada

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do proxecto ‘O kamishibai do hospital’, un teatro de papel para as etapas educativas de Infantil, Primaria e Secundaria

A iniciativa tamén busca normalizar e visibilizar a existencia de enfermidades como o cancro, os trastornos do comportamento alimentario ou a cardiopatía na infancia e adolescencia
 

A Coruña, 26 de xaneiro de 2024 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do proxecto O kamishibai do hospital, un pequeno teatro en papel destinado a traballar, a través dun conto, as emocións, os valores sociais, a lingua e a creatividade artística coa rapazada das aulas hospitalarias galegas, ademais de visibilizar e normalizar a existencia de enfermidades como o cancro, os trastornos do comportamento alimentario ou a cardiopatía na infancia e adolescencia.

“O noso obxectivo con este proxecto é reforzar e facilitar o importante traballo realizado polos profesionais deste sector, dotándoos das ferramentas que os axuden, non só a traballar as materias curriculares, senón tamén a parte máis emocional que, neste caso, é especialmente sensible”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

No acto, que tivo lugar no Centro Integrado de FP Paseo das Pontes, na Coruña, tamén participaron Pablo Sobrado, director do dito centro, e Pilar Porta e Marta Peña, mestras e coautoras do proxecto. Ademais, fíxoselle entrega dun exemplar á sede da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, así como dun agasallo á rapaza que inspirou o conto tras superar un cancro.

Impulsar a creatividade en galego

O kamishibai do hospital consta de dúas partes principais. A primeiras delas é un conto composto por 12 láminas ilustradas que, baixo o título Pílulas para un mundo mellor, recolle a historia dun grupo de rapaces e rapazas ingresados que argallan, durante unha reunión secreta, ideas e propostas para coidar o noso planeta, comezando pola contorna inmediata. 

A segunda parte é O caderno de Gaia, un bloc no que participar de maneira colectiva para crear novas historias, que despois poderán ser narradas no propio kamishibai. A través deste recurso, que fomenta a imaxinación e a creatividade, o alumnado poderá deseñar láminas, escribir contos e poesías, debuxar viñetas ou o que considere, completando os distintos apartados multietapa para educación Infantil, Primaria e Secundaria.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua