O Festival Converxencias Portugal-Galicia celebra a súa 10ª edición cunha ampla programación cultural na que colabora a Xunta

Volver

O prato forte da edición será o concerto de Amancio Prada xunto á Orquestra Filharmónica de Braga, Canto D’Aquí e Coro de Pais o 25 de febreiro en Braga

Celebrarase do 3 de febreiro ao 9 de marzo entre Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela con música, danza, teatro e literatura

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta iniciativa enmarcada nas accións de desenvolvemento da Lei Paz-Andrade

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

O Festival Converxencias Portugal-Galicia chega á súa 10ª edición cunha ampla programación cultural composta por música, teatro, danza e literatura que se repartirá do 3 de febreiro ao 9 de marzo entre as localidades de Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia.

Así informou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou como “prato forte desta edición tan especial” a participación do músico Amancio Prada, “un dos máximos expoñentes da proxección que a música e a literatura galegas teñen tanto no resto de España como a nivel internacional, neste caso en Portugal”.

O cantautor español actuará o 25 de febreiro no Teatro Circo de Braga acompañado da Orquestra Filharmónica de Braga, o grupo portugués Canto D´Aquí e Coro do Pais do Conservatorio Gulbenkian, tamén de Braga, no que será un tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron no acto de presentación o propio Amancio Prada; Jaime Torres, coordinador do grupo Canto D´Aquí; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ricardo González, concelleiro de Cultura de Ponteareas, e Alberto Paz-Félix, profesor do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho.

Un mes de programación cultural

Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués Zeca Afonso, estreitando os lazos que unen Galicia e Portugal e evidenciando as semellanzas entre as súas linguas e culturas. Ademais, este ano inclúe unha publicación conmemorativa do 10º aniversario.

A programación, que reúne diferentes persoeiros do mundo cultural das dúas beiras do Miño, como Uxía ou Adriana Moreira, entre moitos outros, abrirase este sábado 3 no Teatro Principal da Estrada cun concerto de fusión tradicional interpretado pola Banda de Música Municipal da Estrada e Canto D´Aquí. O broche final a máis dun mes de programación porao outro concerto, neste caso o da Orquestra de Cordofones Tradicionais de Braga e a Orquestra local de Ponteareas, que terá lugar no dito concello pontevedrés. As actividades, datas e localizacións, poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

10 anos festexando os lazos coa lusofonía

Promovido polo grupo Canto D´Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua