O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación da programación para o Día de Rosalía o vindeiro 23 de febreiro

A Xunta apoia a campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 escolmas de Rosalía de Castro

Volver

A proposta, impulsada pola Casa-Museo da autora e a Fundación Xistral, aplicarase a quen merque un libro en lingua galega entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo nas librerías da Federación de Librerías de Galicia

Os actos oficiais do día 23 terán lugar en Santiago e Padrón, con música dos alumnos da Escola de Música de Santiago, dos Carapaus e da cantante Faia

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, os centros escolares e os Centros de Estudos Galegos da Xunta implícanse con diferentes actividades divulgativas e materiais didácticos
 

Padrón (A Coruña), 5 de febreiro de 2024 Como cada ano, a Xunta de Galicia conmemorará o Día de Rosalía o vindeiro 23 de febreiro colaborando cunha ampla programación cultural e gastronómica entre a que se inclúe, como novidade, unha campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 escolmas da autora de Follas Novas.

Así o indicou hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que saudou esta nova iniciativa “coa que non só celebramos e enxalzamos a figura de Rosalía, referente para todas e todos os galegos, senón que chamamos á sociedade a ler na lingua propia, algo no que Rosalía foi precursora no seu tempo”. Deste xeito, cada persoa que merque un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo nalgunha librería integrada na Federación de Librarías de Galicia recibirá como agasallo un exemplar de Celebramos Rosalía, unha escolma de textos rosalianos realizada por Anxo Angueira.

A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Xistral, conta, ademais de co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia, A Asociación de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.

Na rolda de prensa, que acolleu como de costume a Casa-Museo da autora, tamén participaron Anxo Angueira, presidente de dita entidade; Carlos Blanco, responsable da Fundación Xistral; Anxo Arca, alcalde de Padrón, e os representantes da Asociación de Gaiteiros.

Lecturas, alborada e Caldo de Gloria

Doutra banda, os actos oficiais para o día 23 estarán repartidos como é habitual entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada, respectivamente. A celebración comezará ás 10,00 horas coa lectura de poemas por parte do alumnado dos institutos IES Camilo José Cela e IES Macías O Namorado diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00 horas haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 187 anos.

O acto central do día terá lugar ás 12,00 horas no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, a cantante Faia, integrante de De Vacas, e o alumnado da Escola de Música de Santiago.

Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller unha nova edición do Caldo de Gloria da man de Suso, responsable do restaurante compostelán O Dezaseis, e a cantante Uxía, que ofrecerán a súa versión da famosa receita de Rosalía aos presentes.

Ademais, ao Caldo de Gloria xa se sumaron numerosos hostaleiros e comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega. Para iso, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 60.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, “Miña casiña, meu lar”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde.

O broche final a un día de celebracións poñerao a cantora Faia cunha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 horas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua