O colectivo Egeria, a Xunta e a UNED poñen en marcha Lugopoética para impulsar novos talentos da man de autores consagrados

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación que tivo lugar na Delegación Territorial de Lugo

O ciclo ofrecerá encontros entre creadores para contrastar as súas obras e dará comezo este xoves con Marica Campo e Eva Teixeiro

Lugo, 27 de febreiro de 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación de Lugopoética 2024, un ciclo de encontros arredor da poesía para impulsar novos talentos da man de autores consagrados. Está organizado polo colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do centro asociado da UNED na cidade.

No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou que esta iniciativa “é moi interesante na medida en que, a través dela, inducimos ao coñecemento e á experiencia literaria de autoras e autores consagrados a xeracións máis novas de creadoras e creadores que están asegurando o futuro da literatura en lingua galega”.

Ademais, participaron o presidente de Egeria, Xulio Xiz; a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e a secretaria territorial da Delegación, Marta Barreiro, e algúns dos poetas implicados na iniciativa, entre outros.

Lugopoética ofrecerá seis sesións, reunindo en cada caso un poeta consagrado e un novel para contrastaren e dialogaren sobre os seus poemas e daren lectura a algúns deles. Como colofón ao proxecto, publicarase en formato físico e dixital o Libro de poesía en galego, unha escolma de obras dos novos poetas avaladas polos máis veteranos.

O ciclo será aberto ao público e desenvolverase no salón de actos do centro universitario; tamén será accesible a través da súa canle de Youtube, tanto en directo como en diferido. As persoas que se matriculen gratuitamente na web da UNED recibirán en cada cita un recordatorio coa ligazón para poder conectarse.

Calendario

Os encontros celebraranse ao longo do primeiro semestre do ano, sempre en xoves e en horario de 18,30 a 20,30 horas. Darán comezo esta semana, o día 29, coa intervención de Marica Campo e Eva Teixeiro.

O 14 de marzo participarán Lois Perez Díaz e Daniel Irimia; o 4 de abril, María Xosé Lamas e Brenda Mondelo; o 25 do mesmo mes, Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela; o 9 de maio Olga Novo e Cristina Corral e o 6 de xuño pecharán a programación Mero Iglesias e Francisco Javier Neira Pampín.

Departamento: Vicepresidencia e C. de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua