Do 07/06 ao 07/06 do 2024

I Festival 'Aquí tamén se fala'

Organizado polo IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Comeza: 07/06/24 | 17:00

Onde: Praza da Tolerancia | A Coruña | A Coruña

Volver

O IES Plurilingüe Rafael Dieste da Coruña, situado na confluencia dos barrios da Agra do Orzán e Labañou, presenta o primeiro festival de música en galego da cidade. Aquí tamén se fala pretende ser unha xornada de música e festa programada pola mocidade e para a mocidade. E xorde dun instituto que acolle alumnado de barrios en continua transformación demográfica, tremendamente diversos e que brindan oportunidades inmellorables para a dinamización cultural e lingüística.

Mais este festival non será apenas a festa de fin de curso dun instituto público, senón tamén a celebración dun alumnado orgulloso do seu centro, do seu barrio e das súas familias procedentes de moi distintas latitudes.

O Aquí tamén se fala parte da iniciativa cultural do mesmo nome que naceu no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto e que xa involucra máis de 200 centros de todo o país e preto de 50.000 estudantes, ademais dos clubs deportivos galegos de referencia. A campaña en redes sociais de Aquí tamén se fala conta co apoio de referentes da cultura nacional e internacional como Viggo Mortensen, Tanxugueiras, James Rhodes, Amaia Romero ou Oliver Laxe entre tantos outros nomes.

O evento Aquí tamén se fala, de balde e que incluirá na súa programación bandas referentes da renovación da canción galega contemporánea como Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira ou Leria, celebrarase o venres 7 de xuño, a partir das 17:00 h, na praza da Tolerancia (a carón da Facultade de Náutica), centro da vida veciñal da Cidade Escolar.

O equipo organizador deste festival traballa en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, e coa Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero (Labañou, San Roque, Cidade Escolar, Os Rosais), para que esta sexa unha festa que envolva todo o barrio e se converta nun referente da vida da veciñanza nos próximos anos.

  • Concerto
  • S.X. de Política Lingüística