A Nena e o Grilo camiño das cores

Última entrega do exitoso musical de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos

Comeza: 12/09/2026 | 18:00

Auditorio Pascual Veiga | Mondoñedo | Lugo

A Nena e o Grilo camiño das cores é a cuarta e última entrega do exitoso musical de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos que conta con tres espectáculos previos: O País das Apertas, A Nena e o Grilo nun barquiño e A Nena e o Grilo máis aló. O proxecto comezou en 2010 co álbum O país das apertas e a creación de tres propostas escénicas que chegaron ao público da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, cunha moi boa acollida entre o público familiar.

Este outono, a proposta de ocio en galego do FalaRedes inclúe o derradeiro espectáculo da saga. Nesta ocasión, a Nena e o Grilo viven unha nova aventura chea de sorpresas. Os dous personaxes volven estar interpretados por Montse Piñón e Pepablo Patinho acompañados en escena por Jorge Casas, da compañía Teatro Ghazafellos. Os tres descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. Esta última produción consolida e expande os obxectivos cos que A Nena e o Grilo se iniciou hai dezaseis anos: contribuír a descubrir, valorar e pensar a amizade, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade.

Espectáculo Teatro Público infantil Secretaría Xeral da Lingua