Volver

O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea

Xornadas organizadas por Luneda Producións; e apoiadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.

Serán tres días de aprendizaxe e de experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo. O que fomos, o que somos e o que tendemos a ser como país musical.

As xornadas desenvólvense arredor das gravacións custodiadas nos arquivos, horas e horas de información que non se escribe, que fica oculta entre as melodías e as letras, unha fotografía sonora do momento concreto no que foi feita cada gravación. E é aí, nesas paisaxes, onde atopamos as claves para crear desde unha perspectiva consciente e propia, baseándonos no necesario traballo escrito pero inspirándonos no que non se escribiu e nos define como pobo.