Olladas no pasado, 2024. Centenario de Xoán Vicente Viqueira (1886-1924)
As Xornadas Olladas no pasado, 2024. Centenario de Xoán Vicente Viqueira (1886-1924), conforman a terceira edición desta actividade, iniciada en novembro de 2022, arredor da temática “Ramón Piñeiro e o seu tempo (1915-1990)”. Queren continuar potenciando o Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, CRPIH, dependente da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Esta terceira edición das xornadas estará dedicada a analizar a vida e obra do intelectual Xoán Vicente Viqueira no ano do centenario do seu falecemento (1924). A través de varias conferencias e mesas redondas vanse abeirar os eidos nos que foron relevantes as achegas de Viqueira: filosofía, galeguismo, pedagoxía, poesía, psicoloxía, tradución... No remate tamén se presentará un libro sobre Xoán Vicente Viqueira, da autoría do profesor Ramón López Vázquez.
O ciclo é aberto á asistencia libre, mais tamén vai dirixido dun modo especial ao profesorado interesado nesta conmemoración, e esencialmente a quen imparta contidos de Lingua e Literatura Galegas, Filosofía, Pedagoxía, Psicoloxía... en Primaria, na ESO, no Bacharelato ou no ensino universitario. Para o profesorado haberá un certificado de asistencia de 12 horas (CAFI).
O ciclo está coordinado polo profesor X. Amancio Liñares Giraut, responsable do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.