Simposio Luísa Villalta
Do 19 ao 21 de novembro de 2024, na Fundación Barrié, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia.
“Mil son eu tan só, tan soa” é o título escollido para o evento que comezará o martes 19 de novembro coa xornada que terá como lema “Abrir a boca en ti”. Logo da apertura institucional, e coa presentación de Margarita Ledo e Ana Romaní, terán lugar os relatorios de Eva Veiga (A escrita e as súas metamorfoses) e Paulino Pereiro (O recurso da música en Luísa Villalta).
Do mesmo xeito, versos e textos da homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2024 daranlle título ás sesións que terán lugar esa mesma xornada e nas seguintes, o mércores 20 e xoves 21 de novembro, coa participación tamén de Marga do Val, Chus Nogueira, Luciano Rodríguez, Rexina Vega, Maribel Longueira, Fina Casalderrey, Inmaculada Otero Varela, Henrique Rabuñal, Mercedes Queixas, Chus Pato, Estíbaliz Espinosa, Tamara Andrés, Olivia Rodríguez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar García Negro, Cesáreo Sánchez Iglesias, Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello.
Ademais dos relatorios e mesas redondas, a xornada do mércores 20 concluirá coa actuación musical de Uxía e a do xoves 21 co espectáculo Indóciles.
Todas as sesións son de entrada libre, e desenvolveranse na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9 - A Coruña). O evento tamén se poderá seguir en directo desde a web da Real Academia Galega.