Volver

Lingua de namorar 2020 - Mensaxes gañadoras

Concurso en liña de mensaxes de amor coorganizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. Cada participante podía enviar un máximo de dúas mensaxes de ata 350 caracteres escritas en lingua galega, ben en prosa, ben en verso.

 

Categorías de idade e premios

 

Persoas gañadoras nas dúas categorías:

  • Categoría A: mensaxes escritas por autoras e autores entre 14 e 19 anos.
  • Primeiro premio: Retórica, de Nee Barros Fernández (Marín, Pontevedra)

    Sei que ditongamos ás veces e outras somos hiato irrexuntábel, e que aínda que imposíbel, a nosa rima é libre, asonante e consonante ao mesmo tempo; de arte maior e menor, sen importar se somos lira ou soneto, pareado ou sirventés. As antíteses véndannos os ollos, pero creme que confío a cegas no noso poema.

    Ver Retórica, interpretada por Xermán Bugallo.

    Segundo premio: Primavera, de Ana Loureiro Sánchez (Caldas de Reis, Pontevedra)

    Hai margaridas
    crecendo no meu peito,
    xogas con elas cando me ispo
    e escápaselles que te quero.


    Non somos espellismos;
    só un oasis no deserto.


    Esfollando margaridas
    volvo a agosto e ao mar,
    á calor e á roupa no chan,
    a dous corpos nun abismo.


    Traes co vento a primavera
    e fas mudar as estacións.


    Ver Primavera, interpretada por Xermán Bugallo.

    3º Premio: Das aulas ao altar, de María Femenías Hermida (Foz, Lugo)

    Compañeiro de clase, fixéchesme estudante eterna. Estudarte a ti leva, cando menos, unha vida.

    Ver Das aulas ao altar, interpretada por Xermán Bugallo.

  • Categoría B: mensaxes escritas por autoras e autores entre 20 e 35 anos.
  • Primeiro premio: Ataraxia, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas, Ourense)

    Era unha tarde de brétemas
    e sentíase un verán revoltoso
    A aura do mar ouveaba,
    cubrindo o morno silencio
    que os posuíra.
    As raiolas do sol alumeaban
    as súas facianas
    e os pés, bañados pola area,
    xacían impredicíbeis
    nun baile de incerteza.
    Rozáronse. Co suspiro
    agarimaron o vento.
    Nos seus ollares,
    a lingua secreta dos que saen
    que se queren.


    Ver Ataraxia, interpretada por Xermán Bugallo.

    Segundo premio: Un vinilo dos Dire Straits, de Denís Vicente Rodríguez (A Guarda, Pontevedra)

    Gústame cando bailamos
    e fechamos os ollos
    e as mans devalan unha sobre a outra
    O arrecendo da música
    quenta os corpos
    que tornan
    nus
    para nós.
    Só para nós.
    Xa non hai apenas aires entre os
    nosos corpos, que agora
    Coma un vinilo dos Dire Straits
    nun reprodutor dos anos 90.
    E as mans devalan unha sobre a outra.


    Ver Un vinilo dos Dire Straits, interpretada por Xermán Bugallo.

    Terceiro premio: Fuxitivas, de Silvia Pérez Rodríguez (A Guarda, Pontevedra)

    Quedeime durmida
    apoiada a ti,
    sen darme conta, estaba xa
    subida a un vagón.
    Era distinto aos anteriores
    tiña as portas abertas
    de par en par.


    Facía tempo que non me tremían as pernas
    o bicar a alguén.
    Eramos dúas fuxitivas,
    das historias, de amor romántico.
    Xa non sigo nese vagón,
    ando na procura dun
    que me faga sentir
    igual de valente.


    Ver Fuxitivas, interpretada por Xermán Bugallo.



Todas as mensaxes gañadoras están musicadas e interpretadas por Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na especialidade de música.

Os premios establecidos, por cada unha das categorías de idade, son os seguintes:

  • 1° Bicicleta pregable NILOX X2 Plus Motor 250w Roda 16” Autonomía 25 Km.
  • 2° Tablet LENOVO ZA470057SE. 10,1” - 2/32 XB – Cámaras frontal e traseira.
  • 3° Cámara deportiva SUNSTECH Adrenaline. Vídeo 4K/30FPS. 16 Mp wi-fi.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.