Volver

#Estiquecantas

Rebordelos, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística,a Casa de Rosalía e a Deputación da Coruña, convoca o concurso #Estiquecantas para promover a creación de vídeos breves nas redes sociais inspirados na obra en galego de Rosalía de Castro.

Poden participar rapaces e rapazas que teñan entre 12 e 18 anos con traballos en galego, individuais ou de grupo, que non sobrepasen os 60 segundos de duración.

As obras deberán subirse como reel de Instagram ou ao TikTok, sempre co cancelo #ESTIQUECANTAS e con mención á conta oficial da iniciativa: @estiquecantas.

O prazo para facelo vai do 23 de febreiro ás 00:00 ata o 15 de marzo ás 23:59:59.

As gañadoras ou gañadores daranse a coñecer o 21 de marzo de 2022, Día Internacional dos Bosques e da Poesía, dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.

Este proxecto cre nos valores da colaboración máis ca nos da competición, de modo que se adxudicarán tres premios de igual importe. Os premios consistirán en bonos de 200€ (IVE incluído) para gastar na web da Librería Abrente:

  • Premio LIEDERS: a unha peza inspirada na ollada reivindicativa, feminista e inconformista de Rosalía de Castro.
  • Premio FIESTRAS: a unha peza que destaque pola súa proposta formal empregando recursos audiovisuais e/ou das redes sociais.
  • Premio CANTARES: a unha peza inspirada no patrimonio paisaxístico e inmaterial de Galicia, nas nosas raíces e na nosa lingua.