Nós tamén creamos!
A SXPL puxo en marcha en 2010-2011 o programa Nós tamén creamos! para incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas e fomentar a presenza do galego nos centros de educación infantil e primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC nas aulas, máis en concreto, mediante a creación de curtametraxes en galego cos técnica de stop motion.
Inclúe unha dotación de libros infantís en galego para cada centro seleccionado, así como formación e asesoramento ao profesorado para que poida realizar co alumnado curtas de animación coa técnica de stop motion baseadas nos libros proporcionados. No curso 2013-2014, o programa foi incluído no Plan Proxecta e ampliou a formación docente, que pasou a ser anual, con parte presencial e parte en rede, para os centros admitidos.
Desde o ano lectivo 2011-2012, a SXPL convoca anualmente o concurso Nós tamén creamos!, asociado ao programa, para centros de titularidade pública. Establece tres categorías: educación infantil, 1º e 2º de primaria e 3º e 4º de primaria.
Nós tamén creamos! desenvólvese en colaboración coa Compañía de RTVG e Oqo Editora. As curtas premiadas publícanse no web da SXPL e no da CRTVG. Grazas á colaboración coa CRTVG, estas curtas de animación poden verse na aplicación Xabarín desta entidade e na sección infantil da súa canle e isto incrementa o seu efecto positivo na promoción da lingua galega, que non se restrinxe ao ámbito de cada centro senón que chega a un público moito máis amplo, mesmo de fóra da Comunidade Autónoma. Por outra parte, o centro gañador na modalidade de 3º e 4º cursos de primaria ten a posibilidade de participar no Festival de Cans.
No curso 2022-2023 acordouse conceder no sucesivo un accésit, de ser o caso, para cada categoría e, no 2023-204, ampliarase o número de categorías cunha cuarta, para 5º e 6 de primaria.
Prazo de inscrición no programa: 29 de setembro
Inscrición, na aplicación de Plan Proxecta +: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta