Volver

VI Certame de Podcasts en galego Xosé Mosquera Pérez, «O Vello dos Contos»

Convócase o VI Certame de Podcasts en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez, «O Vello dos Contos», organizado, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, e Arraianos Producións, xunto a outras entidades como o colectivo Ponte… nas Ondas!

Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación primaria (de 5º e 6º cursos) e secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.

Presentaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e obra de Luísa Villalta, a autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas en 2024, ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.

Establécense os seguintes premios:

  • Premio ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º cursos de primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma.
  • Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma.