Volver

XII Certame de Microrrelatos Feiraco. Letras Galegas 2024. Edición Leiteratura

Un ano máis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e Feiraco Lácteos SL convocan o XII Certame de Microrrelatos Feiraco co fin de promover o coñecemento, uso e divulgación do galego desde o eido económico. A cooperativa agrogandeira súmase así ás actuacións conmemorativas do Día das Letras Galegas 2024 e ás homenaxes á escritora Luísa Villalta.

Na procura de fomentar a dinamización do idioma e a creatividade literaria en lingua galega, nesta décimo segunda edición do Certame de Microrrelatos Feiraco preséntanse dúas modalidades de participación, unha para alumnado de secundaria (a partir de 12 anos) e outra para adultos (de 18 anos en diante).

Na categoría xuvenil, o profesorado responsable dos centros educativos deberá seleccionar o mellor relato de cada curso e presentalo en formato pdf, xunto co formulario que aparece no web: http://leiteratura.feiraco.es/.

O prazo de recepción dos traballos en ambas as dúas modalidades estará aberto ata o 18 de maio.

Os textos serán orixinais, estarán escritos en galego e non poderán superar as 500 palabras. A temática dos microrrelatos é libre, pero deberán cumprir o requisito de comezar pola frase “Púxenme a escoitar”.

Premios

O xurado do concurso, integrado por persoal da SXPL e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega.

Tanto nunha coma noutra categoría establécense tres premios. A persoa á que se lle conceda o primeiro premio recibirá un lote de produtos FEIRACO, un ano de libros en galego e o regalo da vaca suxeitalibros; a galardoada co segundo levará un lote de produtos FEIRACO e un ano de libros en galego, e quen gañe o terceiro será agasallado cun lote de produtos FEIRACO e unha selección de libros de Luísa Villalta.