Volver

Lingua de Namorar 2026. Mensaxes gañadoras

A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Xuventude, convocan #LinguaDeNamorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.

MENSAXES GAÑADORAS DE LINGUA DE NAMORAR 2026

O xurado do concurso Lingua de namorar 2026 reuniuse o pasado 1 de abril para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público. Son as seguintes:

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría A

Ana Jorquera Domínguez (Santiago de Compostela, A Coruña)

Amor de-lirio

Escapábasenos o amor entre os intersticios das xanelas
dos poros da nosa pel
(unha pel)
e nós retíamolo
apreixados.

Adeus, quixen dicir
mais non dixen.
Fuxiches en silencio
(co ruído dun motor e do meu pranto)
e agora dormes.

 

O amor escapa e busca o teu refuxio
no que un lirio coroa
o teu voar.

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría A

Lía Bernárdez Santiso (Mondariz, Pontevedra)

Namorar?

Namorar
é sentir que che rompen o peito
e te atravesan cun florete,
e atopar calor nas verbas
do inimigo que o sostén,
mentres os teus ollos
deixan de ver a luz do día
e só quedan os del,
á vez inimigo,
amigo e confidente.

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría A

Elena García González (Vigo, Pontevedra)

G-A-L-E-G-O

Gozo de coñecer a terra, no lecer da súa lingua;
amo o mar e as ledicias das agarimosas verbas,
liberdade dos sentimentos do meu ser.
Érgome nova nunha das mil primaveras.
Galega viaxo no meu soño de bolboreta e
o sol aloumiña as miñas ás de pedra.

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B DE LINGUA DE NAMORAR 2026

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría B

Paula Bonifasi Rodríguez (Vigo, Pontevedra)

Lela

Lémbrome de merendar pan con chocolate na túa casa,
onde o tempo non corría e a vida non fracasa.
E hoxe, que o mundo vai á présa e tan alleo,
síntome meniña cando asubías Lela dende o ceo.

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría B

Jessica Ortigueira Iglesias (Mos, Pontevedra)

Amor velado

Abro os ollos ao espertar,
québrase o silencio e faise a luz.
Da nada,
o mar,
o sal.

Arde en min o sol,
a calor do teu carón.
Noto o cariño da area
esvarando polas miñas costas,
o paseo dos teus dedos
debuxando na miña pel.

A pausa.

O folgo dun “quérote” acalado
e o romper das ondas.

“E eu a ti”.

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría B

Lara Romero Carrera (Vimianzo, A Coruña)

Horizontes na pel da noite

Amarte é pronunciar o teu nome como quen invoca un lume segredo, é debuxar horizontes na pel da noite e beber da túa risa coma quen bebe luz. No latexo compartido medra unha patria sen fronteiras, fértil e indómita. E se o mundo calase, non sería dabondo que nos quixésemos ata que o tempo se rendese?

MENSAXE GAÑADORA DA CATEGORÍA C DE LINGUA DE NAMORAR 2026

Iria Méndez Mosquera (Pontevedra)
@pizzeiria

#365Noites

Tras esta volta ao sol, tras estas catro estacións,
Ti segues a ser a estrela que me acompañou en cada fase;
Así, até que os meus soños, na idade de murchar, completen tamén o ciclo dos
tulipáns.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e pola Secretaría Xeral da Lingua, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

CONVOCATORIA

Obxectivos

Dinamizar o uso da lingua galega entre as mozas e mozos nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Características das mensaxes

As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Criterios de valoración

Teranse en conta o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua. Todas as mensaxes deberán ser inéditas.

A organización do concurso rexeitará as mensaxes de carácter discriminatorio ou ofensivo.

Persoas destinatarias e categorías

Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.

Establécense tres categorías de idade:

  • Categoría A: de 14 a 19 anos
  • Categoría B: de 20 a 35 anos
  • Categoría C: de 14 a 35 anos

Premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade A e B:

  • 1º Lenovo Tab 11´´ con lapis
  • 2º Libro electrónico Kobo Clara
  • 3º Cascos JBL sen fíos

Establécese un único premio pola categoría de idade C:

  • 1º Lenovo Tab 11´´ con lapis

Procedemento de participación

No caso das categorías A e B:

Para enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.

Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.

No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):

Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Prazo de presentación

A data límite para enviar as mensaxes é o 16 de marzo.

Votación

No caso das categorías A e B:

Haberá dúas fases de selección:

1. Habilitarase unha votación do público, desde o 17 ao 22 de marzo. As persoas que queiran votar tamén deberán rexistrarse na páxina do concurso. Cada usuario/a poderá votar por un máximo de tres mensaxes en cada unha das categorías de idade.

2. Posteriormente, o xurado do concurso elixirá as declaracións gañadoras de entre as 50 mensaxes máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha destas modalidades.

No caso da categoría C:

A mensaxe gañadora seleccionarase tamén en dúas fases, con orde inversa ás anteriores categorías:

1. O xurado do concurso fará unha preselección de 6 mensaxes de entre todas as presentadas en prazo que respecten o indicado nestas bases.

2. O 7 de abril daranse a coñecer as 6 mensaxes preseleccionadas polo xurado, que concorrerán á votación final do público do 8 ao 12 de abril. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade un maior número de gústame por parte do público. No caso de que exista empate entre dúas ou máis mensaxes prevalecerán no cómputo o número de gústame dados por parte de seguidores/as de @xuventudegalicia e @linguagalega. A organización reserva o dereito de establecer calquera outro procedemento de desempate.

Xurado

O xurado do concurso estará conformado por unha persoa representante da Secretaría Xeral da Lingua, unha representante da Dirección Xeral de Xuventude, unha escritora ou escritor recoñecido en lingua galega; Tania Castelo Martínez, gañadora do 1º premio de Novela Curta Xuventude Crea 2025, e Ciro Fernández Briones, gañador do 1º Premio Xuventude Crea 2025 de Poesía.

Resolución

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 14 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos IG @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.

No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe gañadora poñerase en contacto coa organización antes do 20 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

Entrega de premios

A data de entrega de premios publicarase no espazo web específico deste concurso.

Aceptación das bases

A participación neste concurso implica a plena aceptación destas bases. A organización reserva o dereito de modificar e interpretar as bases deste concurso sempre e cando sexa necesario para o seu bo desenvolvemento.