Volver

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística 2020-2021

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade durante o curso académico 2020/2021 e se establecen as bases reguladoras para realizalos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional convocan a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade durante o curso académico 2020/2021.

Os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización Lingüística, no marco do Plan Proxecta, teñen a obriga de participar e tamén se poden presentar todos os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros. Tamén poderán concederse dúas mencións de honra, de ser o caso.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. O profesorado dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de accésit.

Na planificación dos proxectos durante o curso 2020/2021, o profesorado terá en conta a previsión dos posibles escenarios de ensinanza-aprendizaxe que se puideren dar en función da situación sanitaria e deseñará os proxectos para que se poidan seguir desenvolvendo nunha situación de ensino a distancia ou semipresencial.

Os centros que presentaron proxectos no curso 2019-2020 poderanos volver presentar, coas adaptacións relacionadas con posibles cambios de escenario da actividade lectiva presencial á semipresencial ou non presencial que consideren pertinentes.

O prazo de presentación das solicitudes, que se enviarán exclusivamente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, rematará o día 10 de marzo de 2021.