Volver

Resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios

Orde do 18 de marzo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PL400B).

Resolución

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se publica a Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se conceden subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 18 de marzo de 2025.

Convocatoria

Liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas mercantís do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos en lingua galega para o ensino regrado non-univesitario e favorecer o tecido da industria editorial galega. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.

As empresas editoriais que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria poderán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta dende o día 11 de abril ate o 12 de maio.

O prazo de xustificación remata o día 30 de setembro de 2025. Os materiais presentados deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2023. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.