Convocatoria de axudas a proxectos de fomento do galego en centros públicos
Resolución do 23 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2025/26 (código de procedemento PL500A).
1. Obxecto.
A presentación e a realización de proxectos de fomento do uso do galego dos centros públicos de ensino de Galicia dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega ou polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2025/26 (código de procedemento PL500A), e o establecemento de axudas que apoien o seu financiamento.
As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
2. Persoas destinatarias.
Os centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario.
Prazo de presentación de solicitudes
Do 14.01.2026 ao 13.02.2026