Volver

21 días co galego e + 2025

Bota a andar a sétima edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova. Nesta edición desenvolverase desde o 31 de xaneiro ata o 21 de febreiro de 2025.

Este programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que a infancia e a mocidade analicen a súa relación coas linguas que coñecen, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e no feito de levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do enfoque máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en ”21 días co galego”, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o puxo en marcha en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. En 2020 e 2021, o programa continuou a súa expansión e chegou en cada curso a 10 centros de toda Galicia para logo acadar a ducia de centros nas edicións de 2022, 2023 e 2024.

Tras seis edicións, o programa continúa a súa expansión, e este curso son dez os centros participantes das catro provincias.

A Coruña

  • CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos
  • CEIP Emilio González López, de Cambre
  • CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha, da Coruña

Lugo

  • CEIP Albeiros, de Lugo
  • CEIP Illa Verde, de Lugo

Ourense

  • CEIP Julio Gurriarán, do Barco de Valdeorras
  • CEIP Manuel Respino, da Rúa

Pontevedra

  • CEIP Plurilingüe do Carballal, de Marín
  • CEIP Plurilingüe de Sequelo, de Marín
  • CEIP Manuel Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas

Nesta ocasión o 21 Días co galego e máis alcanza xa as 3990 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) que durante tres semanas van vivir esta experiencia.

Galego 24 horas

Os rapaces e rapazas comprométense a falar soamente en galego, na medida das súas posibilidades, as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, dende o 31 de xaneiro ata o 21 de febreiro de 2025 dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa e voluntaria o profesorado e os membros do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible, pois son eles o motor nos centros que fai posible o seu desenvolvemento.

A intención dinamizadora do programa é chegar a toda a sociedade a través do alumnado implicado, que asemade se converte nun axente normalizador singularmente potente, non só á comunidade educativa de cada centro, senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo, ás familias, asociacións deportivas e demais vertebradores sociais.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + (https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/) onde se mostrarán as accións, as creacións audiovisuais dos centros participantes e as temáticas para cada día que son froito do traballo colaborativo do profesorado de cada un dos centros educativos. Ao carón destes contidos ofreceranse tamén outros máis lúdicos encamiñados a dar a coñecer a lingua e a cultura galegas.

Todo o alumnado participante visitará a páxina oficial diariamente de luns a venres acompañado do seu profesorado e recibirá as instrucións para cada xornada. Nesas indicacións aparecerán propostas centradas na fala ao redor de temáticas relacionadas cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable), de maneira que ademais de falar, as alumnas e os alumnos reflexionarán sobre as preocupacións da sociedade actual, o que contribúe á súa formación como cidadás e cidadáns críticos e responsables co medio natural e social.

Novidades

A principal novidade en 2025 é que, por primeira vez, este curso ofrécenselles aos 10 centros participantes unha serie de actividades para desenvolver ao longo dos 21 Días:

-Un obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco

-Un contacontos a cargo de Celso Sanmartín

-Unha actuación musical: o espectáculo "A voar" de César Freirías Prado e a Cé Orquestra Pantasma.

A isto cómpre engadir o que se lles viña outorgando de edicións anteriores: a dotación económica dos 1000 euros a cada centro, camisetas para todos os participantes e autobuses para a asistencia ao encontro final.

Pola súa vez, os centros educativos e o persoal docente comprométense a realizar un programa propio de actividades para os 21 días que dura o programa, participar nas redes e medios do programa (redes e radio), participar no blog (elaborando o contido dun día) e participar no encontro final (levar unha actividade).

Continúan as publicacións no blog durante as tres fins de semana dirixidas ao público familiar. Búscase que o alumnado non abandone o seu compromiso coa lingua durante o tempo de lecer, senón todo o contrario, que nenas e nenos compartan o galego no seu fogar coas súas familias. Para iso os dez centros participantes deseñaron actividades lúdicas de contido lingüístico para todas as idades, de maneira que as nais e pais cos seus fillos visualicen os xogos e interactúen con eles xogando tamén na casa. Neles poderemos ver alumnado de infantil e dos diferentes ciclos de primaria xogando con nós ao tabú, a completar cancións, a solucionar adiviñas e a completar roscos de pasaGalego.

Medrando en galego

O lema desta edición volve ser “Medrando en galego”, xa que ao estar dirixida a centros de infantil e primaria se pretende que o alumnado, ademais de medrar como galegofalante, tamén medre como persoa responsable comprometida coa sociedade e co ambiente. Por iso, este ano os centros educativos participantes traballaron cos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) para 2030, creados polas Nacións Unidas. Así, veremos como se achegaron desde as realidades dos seus centros a problemas como os seguintes: a igualdade de xénero; a acción polo clima; a auga limpa e o saneamento; a eliminación das desigualdades; a paz e a xustiza; a educación de calidade; a saúde e benestar; a industria, innovación e infraestruturas; a vida dos ecosistemas terrestres; a enerxía accesible e non contaminante; e as cidades e comunidades sustentables.

Colaboracións externas

Polo que atinxe á presenza nos medios, cómpre destacar a colaboración co programa da TVG Dígocho eu! Agardamos realizar un encontro virtual da súa presentadora Esther Estévez cos 10 centros a través do cal lles explica aos alumnos e docentes o funcionamento do seu programa. A rapazada intervén facendo preguntas. Dende os 21 Días promóvese a participación dos centros nos concursos do programa #DìgochoEu. Tamén está presente nos contidos a través do blog 21diascogalegoemais onde se publican vídeos do Dígocho Eu.

Outra forma de darlle visibilidade ao 21 días co galego e máis é a colaboración co Galicia por Diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + ten unha sección diaria de luns a xoves durante as tres semanas na que o alumnado dos diferentes centros conversa cos presentadores Kiko Novoa e Cristina García para contarlle á audiencia os temas que tratan e como está a ser a súa participación.

III Encontro 21 días co galego e máis

O ramo ao 21 días co galego e máis poñerallo o III Encontro 21 Días co galego e + o 25 de febreiro. A el acudirán10 autobuses cheos de alumnado de cada un dos centros para confraternizar e ver actuacións feitas polas propias rapazas e rapaces dos colexios. Esta xuntanza lúdica e didáctica, que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, reúne preto de 600 participantes para intercambiar experiencias, música e xogos ao longo da xornada. As actuacións dos diferentes centros darán conta da riqueza e diversidade da nosa cultura a través de música, bailes, monicreques, xogos tradicionais, contos etc.

En pasadas edicións, o Encontro foi a actividade mellor valorada polo alumnado participante.