Volver

Nós: intelixencia artificial ao servizo da lingua galega

Bota a andar o proxecto de normalización lingüística no ámbito tecnolóxico máis ambicioso que se desenvolveu nunca en Galicia, destinado a garantir o dereito dos galegos e galegas a accedermos na nosa lingua propia a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores de alta calidade para que, deste xeito, poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas.

O obxectivo do proxecto Nós é garantir que a lingua galega participa da revolución tecnolóxica dos noso días a nivel dos idiomas de máis falantes. A iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, baseados en intelixencia artificial e en tecnoloxías da linguaxe, que serán gratuítos e en código aberto de forma que poidan ser utilizados tanto por empresas como por institucións.

O proxecto terá efectos tanto no sector público como no privado. No público, porque permitirá a dixitalización real da Administración galega. No sector privado, porque favorecerá a creación dun ecosistema de empresas tecnolóxicas que fará posible o desenvolvemento de ferramentas coma as seguintes:

  • Sintetizador de voz que lles permitirá a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego con escolla de xénero, idade etc.
  • Recoñecedor de fala que posibilite a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática.
  • Xerador de lingua natural que converterá datos estruturados en oracións en galego, tanto escritas coma orais.
  • Sistema de diálogo xenérico, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral que poderá ser adaptado a dominios específicos de terceiros.
  • Sistema de resposta a preguntas feitas polos usuarios, tanto a través de texto coma de voz.
  • Motor de tradución automática de e a diversas linguas que permitirá a entrada textual ou por voz.
  • Sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica ou gramatical.

O proxecto está liderado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e ten como socios impulsores empresas e institucións de prestixio:

  • Centros tecnolóxicos, como a propia AMTEGA (Xunta de Galicia) ou o CiTiUS (USC)
  • Centros de Investigación, como a Universidade de Santiago, o seu Instituto da Lingua Galega ou o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia
  • Consultoras especializdas, como Plexus Tech e Atlantic Ponte

Os fondos Next Generation abren unha ventá de oportunidade para cubrir unha necesidade fundamental da lingua e da sociedade galegas. O proxecto conta cun investimento inicial público de 15,5 millóns de euros, o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia, e aspira a mobilizar 45 millóns de euros privados a través dos novos produtos tecnolóxicos que se van beneficiar dos desenvolvementos producidos no marco do proxecto Nós. Agárdase xerar 450 novos empregos, directos e indirectos, relacionados coa industria do coñecemento, aliñados coa estratexia de transformación da economía cara ao emprego de calidade e cun alto valor engadido.

Captación de voz en galego para o Proxecto Nós

O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia que busca que todo tipo de dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a lingua galega e que calquera galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua, por exemplo, cando lle dá unha orde ao GPS do coche, cando fala cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando lle quere ditar ao seu procesador de texto, cando pide unha cita no médico ou quere facer unha xestión no banco.

Para conseguilo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. Para isto o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces online (https://doagalego.nos.gal) e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto en horario de 10:00 h a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.

Anímate e doa!:

  • 03/10/24. Ribeira: aula de Informática (rúa Cubeliño, 20)
  • 08/10/24. Fisterra: aula de Informática (Chalet de Vilas, rúa da Cerca, 7)
  • 15/10/24. Tomiño: aula de Informática (Campo da Feira, s/n)
  • 17/10/24. Ribadeo: aula de Informática (Casa da Xuventude, rúa Antonio Otero, 15 2º andar)
  • 22/10/24. Chantada: aula de Informática – Aula CEMIT (rúa Ribeira Sacra, s/n)
  • 23/10/24. O Carballiño: aula de Informática - Aula CEMIT (Casa da Cultura, 3º andar; praza Antón Losada Diéguez, nº1)
  • 24/10/24. Tui: aula de Informática - Aula CEMIT (edificio Francisco Sánchez, rúa Colón, 2 - entrada pola porta nº4)
  • 29/10/24. Muros: aula de Informática - Aula CEMIT (Casa da Cultura, praza San Pedro s/n)
  • 31/10/24. Ponteareas: aula Informática - Aula CEMIT (planta baixa do edificio do Centro de Dinamización Empresarial e Coworking de Ponteareas - Praza Maior, nº13)
  • 06/11/24. Santa Comba: aula Informática - Aula CEMIT (Centro Multiusos, rúa Curros Enríquez s/n)
  • 08/11/24. Carballo: aula Informática - Aula CEMIT (Pazo de Cultura, rúa do Pan s/n)
  • 12/11/24. Vilagarcía: aula Informática - Aula CEMIT (Obradoiro Municipal de Emprego, rúa Matosinhos nº1)