Neofalantes.gal
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nun novo proxecto dixital que, a través nas novas tecnoloxías, busca avanzar no estudo do neofalantismo e poñer en valor as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía.
A iniciativa, impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, analiza como está a ser o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua, e que logo acabaron achegándose ao idioma propio de Galicia. Neste senso, a proposta inicial inclúe a elaboración dun portal e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás.
Iniciado a finais do 2021, este proxecto suma en 2024 novos materiais con testemuños e experiencias de Neofalantes.
Estes novos materiais enriquecen o sitio web, neofalantes.gal, un portal de noticias xa activo que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións: sobre o mundo neofalante, sobre a actualidade da lingua galega, sobre investigacións lingüística, sobre polémicas en redes relacionadas co galego, a sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais, o proxecto conta cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo nas máis atractivas para a mocidade, como son Instagram e TikTok.
O grupo traballou tamén na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funciona a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorece a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego. Unha rede que, segundo as previsións, estará activa a finais deste ano.
A web serve tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega.