Nadal en Rede 2015

Chega o Nadal, e a Rede de Dinamización Lingüística quere convidar a todos os galegos e galegas a manteren e, asemade, renovaren a tradición de celebralo en galego. O programa Nadal en Rede ofrece, un ano máis, ferramentas e actividades para facelo.

  • Cantos contos no Nadal

    Cantos contos no Nadal

  • Gramola gominola

    Gramola gominola

  • ISIstorias de Nadal

    ISIstorias de Nadal

Por seren estas que agora comezan datas de encontro de amigos e familias, e festas especialmente ilusionantes para os cativos e cativas, a Rede ofrece este ano dúas actividades destinadas a encher as vacacións dos máis pequenos de ocio en galego para gozar en familia. O acceso a estas actividades é, como sempre, libre e de balde ata completar a capacidade das salas que as acollen.

Cantos contos no Nadal

Velaquí un cantacontos participativo para familias con nenos de 2 a 5 anos que ten a música como fío condutor. Guiado polo coñecido cantante Pablo Díaz -referente imprescindible da música infantil galega tras o éxito dos seus discos Tic-Tac, Toc-Toc e Xente miúda. Moita fartura-, requirirá a colaboración do público para cantar e contar historias. Nenos e adultos aprenderán cancións para repetir na casa, nas longas sobremesas de Nadal, ou mentres se agarda a chegada dos Magos.

Gramola gominola

Acceso a publicacións

Concerto do primeiro grupo de rock infantil galego. Destinado a nenos de 4 a 10 anos que estean dispostos a bailar e cantar sen pausa durante unha hora, non só rock, senón tamén reggae, contry, punk..., porque ningún destes estilos se lle resiste ao galego.

ISIstorias de Nadal

Como os mozos e adultos tamén celebran o Nadal, a Rede ofrece unha actividade destinada a todo tipo de públicos que permitirá apoiar os concellos no seu esforzo por estableceren unha programación cultural e de ocio propia destas datas na nosa lingua. Trátase dunha serie de monólogos do coñecido e televisivo actor Isi, que nos fará rir co seu particular anecdotario.

Temos carta dos Reis Magos

Nadal en Rede inclúe tamén recursos para vivirmos as festas en galego. Se en anteriores edicións se ofreceron discursos para que os Reis Magos falasen galego nas cabalgatas e modelos de carta para que os nenos lles escribisen aos tres dabios de oriente na lingua propia de Galicia, a novidade deste ano vai un pouco máis aló. Trátase dunha ferramenta que lles permitirá aos pais e nais (ou ben aos servizos de normalización dos concellos que queiran usala) xerar doadamente unha carta de resposta de Melchor, Gaspar e Baltasar ás misivas redactadas pola xente miúda da casa. Esa resposta poderá imprimirse para metela na caixa do correo ou ben enviarse por correo electrónico.

Os recursos dixitais complétanse cun xerador de postais para felicitarmos electronicamente as pascuas e o aninovo na nosa lingua. Botade unha ollada.

 

Axenda