Volver

#ACULTURASEGUE

Quéreme soar! Tarabela Creativa

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Serie documental sobre historia da música en Galicia. A narradora Carmen Conde e o músico Tato López acompáñannos nunha viaxe no tempo en sete episodios, cada un deles centrado nunha época histórica. Ademais de coñecer anécdotas, características e personaxes, entre os que sobrancean os femininos, escoitaremos melodías de cada momento histórico.

Antigüidade

Viaxamos no tempo para descubrir, na Prehistoria, as orixes da música. Xa na Idade Antiga viaxamos tamén no espazo da man da peregrina Exeria para chegarmos a Turquía -onde se descubriu a composición musical completa máis antiga conservada-, a Exipto ou á Grecia do matemático e músico Pitágoras.

Idade Media

A nosa viaxe pola historia da música lévanos á Idade Media e alí atoparemos a Guido d'Arezzo, creador das notas musicais; a compositora Hildegarda de Bingen; a escritora Christine de Pizan, as trobairitz occitanas ou a galega María A Balteira. Tamén se dará conta neste capítulo do nacemento da polifonía.

Renacemento

Josquin Desprez e as súas emotivas composicións polifónicas e mais Gracia Baptista, cuxo Conditor almefoi a primeira obra musical publicada por unha muller en Europa, son os protagonistas deste capítulo en que tamén se nos fala, entre outras cousas, da gaita.

Barroco

Asistimos á creación da sonata, do concerto, da fuga, do oratorio, da cantata, da suite orquestral e da ópera, aínda que esta non chegará a Galicia ata o clasicismo. Tamén destacan neste momento músicas para o baile como a chacona. E, se falamos de compositores, non podemos deixar de nomear a Haendel, Bach, Vivaldi, Bárbara Strozzi ou Francesca Caccini, autora da primeira ópera composta por unha muller. Ademais, as primeiras referencias aos cantares de cego galegos chegan do século XVII.

Clasicismo

Neste capítulo asistimos ao triunfo da música profana sobre a relixiosa; coñecemos familias de luthiers, como os Stradivairus ou os Albanus, e compositores como Haydin, Beethoven, Mozart (Wolgfrang Amadeus, pero tamén a súa irmá Nannerl) e Mariana Martínez. E tamén falamos dos cantos de desafío galegos, que escoitamos nas voces de Alba María e Sara Marchena.

Romanticismo

Coa liberdade e o subxectivismo do Romanticismo chegan tamén o Rexurdimento e o compositor Pascual Veiga, autor do himno de Galicia sobre un texto do poeta Eduardo Pondal. Tamén é o creador dunha obra, a Alborada, que recupera unha forma popular para unha comoposición culta, algo que se fará constantemente nesta época.

Impresionismo

O derradeiro capítulo deste paseo musical pola historia dedícase ao Impresionismo, cuxas características poden resumirse na palabra "experimentación". Falamos de Satie, Debussy, Ravel... pero tamén da bailarina raíña dos cabarets: a Bela Otero.