FALAREDES 2021
Rilla rilla
Donas e cabaleiros, señoras e señores, picarada toda...benvidas ao concurso sobre a lingua onde apañamos as palabras coma se fosen berberechos, onde o rotacismo forma parte da banda sonora e o seseo nos ha facer viaxar. Se non oístes falar do cínefre, ou non sabedes o que é un día de garabullos, se nunca se pousou en vós unha lagáchima... andade atentas! Abride ben os oídos e deixádevos levar por esta música de salitre. Remangade ben o pantalón, que para apañar palabras é preciso mollar os pés! Preparádevos para recoller eses vocábulos que case nunca medran nos libros. Se queredes saber o que significa rilla rilla, poñede atención. O espectáculo vai comezar!
Rilla rilla é un espectáculo da compañía Xarope Tulú, dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos, que persegue poñer de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. A través do relato irémonos mergullando nun mundo con idiosincrasia propia que estivo aí sempre e ao que poucas veces lle puxemos atención. As ondas e o salitre hannos levar ao lugar das palabras esquecidas. Rilla rilla é un espectáculo dinámico onde o público pasa a ser protagonista desde o primeiro momento.
O programa de dinamización lingüística FalaRedes levará Rilla rilla a 4 entidades da Rede de Dinamización Lingüística: a ADR Comarca de Ourense, a Mancomunidade de Ordes e os concellos de Castro de Rei e Lalín.
| Axenda de FalaRedes 2021. Rilla rilla | |||
| Data e hora | Lugar | Concello | Provincia |
| Domingo 29 de agosto, ás 19:00 horas | Praza da Igrexa | Lalín | Pontevedra |
| Sábado 4 de setembro, ás 19:30 horas | Campo do Souto | Amoeiro (a través da ADR Comarca de Ourense) | Ourense |
| Domingo 12 de setembro, ás 20:00 horas | Casa da Cultura | Ordes | A Coruña |
| Sábado 25 de setembro, ás 18:00 horas | Casa da cultura (Ribeiras de Lea) | Castro de Rei | Lugo |