'Indóciles', de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut
Indóciles é unha peza multidisciplinar na que Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, crean un universo singular arredor do legado de Luísa Villalta.
Poesía, música e narración oral dan a man a unha linguaxe propia para explorar o mundo creativo dunha autora comprometida e versátil.
A indocilidade, para elas, está na contundencia do sinxelo, nas palabras, nos silencios, nas presencias, na interrelación entre as tres en escena e co público, na espectacular naturalidade do cotián e do presente. Tamén nos coidados e no activismo social.
Que é ser indócil? Pregúntanse para chegar a unha peza cargada de contundencia.
Mónica de Nut é a responsable musical e chega cunha proposta onde a electrónica, voz e pandeira compoñen un repertorio que abana entre a sutileza, o ruído e o silencio, creando un espazo sonoro pasado por filtros, cun traballo vocal e de bases, transmitindo o espírito de Villalta e procurando códigos propios á vez, atopando o empaste perfecto entre música, poesía e oralidade.
A poesía escénica corre da man de Nuria Vil, que decide interpelar á autora utilizando un rexistro que resulta achegado á escoita, buscando respostas e o parecer sobre o que lle está a contar a Villalta, intentando traela ao escenario actual da vida.
E é Vero Rilo quen nos leva da man da narración oral, despois de revisitar toda a obra dramática e poética de Luísa, deixándose remover polo seu extraordinario Papagaio e fusionando á Margarida coa Ofelia e mesmo Lisis - personaxes femininas da obra de Villalta- facéndoas transitar os camiños das posibles vidas, creando unha narrativa en base á historia de vida ficcionada onde non faltará crítica, amizade, coidados e un arrecendo a flores.
Cunha posta en escena sobria e contida, a sutileza dos movementos escénicos, a forza do discurso, da palabra e o son, constrúen un altar para lembrar e festexar ás vivas e ás mortas nunha eterna indocilidade.
Representacións programadas
- Concello de Monforte. 10 de maio ás 20.15 h no edificio Multiúsos de Monforte
- Concello da Illa de Arousa. 11 de maio ás 20.30 h no Auditorio da Illa de Arousa
- Concello do Barco de Valdeorras. 12 de maio ás 13.00 h na Praza de Andrés de Prada no Barco de Valdeorras