21 días co galego e +

Bota a andar a terceira edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova. Nesta edición desenvolverase desde o 22 de febreiro ata o 14 de marzo de 2021.

Este programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que a mocidade analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. En 2020, o programa continuou a súa expansión e abrangue dez centros de toda Galicia.

En 2021 volven participar dez centros:

  • A Coruña
    • IES As Mariñas de Betanzos
    • IES de Carral (Carral)
    • IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela
  • Lugo
    • CPR Plurilingüe A Inmaculada de Lugo
    • IES Perdouro de Burela
  • Ourense
    • IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras
    • IES Taboada Chivite de Verín
  • Pontevedra
    • IES Ramón Cabanillas de Cambados
    • IES Sánchez Cantón de Pontevedra
    • IES Santa Irene de Vigo

Nesta ocasión os 21 Días co Galego e máis contan con 3.738 persoas participantes (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos), e conseguiuse que, malia a pandemia, se manteña unha participación próxima á do ano pasado.

Novidades

- O programa adáptase ás novas situacións sanitarias e organizativas dos centros para seguir dinamizando a lingua malia as normas de afastamento social. As denominadas normas COVID-19 de aplicación en todos os centros educativos galegos imposibilitan a práctica totalidade das actividades dinamizadoras que se levaran a cabo dentro do programa nas pasadas edicións. Grazas ao importante labor do profesorado participante, reformúlanse as actividades e 21 días co galego e + continúa.

- Na súa aposta por medrar dinamizando, o programa esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3.º 4.º 5.º e 6.º de Primaria.

- Incorpóranse tres colaboracións externas:

- O programa Galicia por Diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que desenvolveron e como está a ser a súa participación.

- O programa Dígocho eu! da TVG, que emitirá encontros coas persoas responsables nos dez centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato de seu do Dígocho eu!

- O Foro Peinador achegaralle o mundo da empresa en galego aos centros educativos para poñer en valor a importancia do ámbito laboral tamén no desenvolvemento cultural da sociedade.

Galego 24 horas

Os rapazas e rapazas da ESO, de bacharelato e de FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, desde o 22 de febreiro ao 14 de marzo de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa o profesorado e os membros  do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible para levala adiante

A intención do programa é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en webs redes sociais.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + (blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/), onde se mostrarán as creacións dos centros participantes