Toponimízate

A Secretaría Xeral de Política Lingüística bota a andar un novo programa de promoción da lingua galega para concellos pertenentes á Rede de Dinamización Lingüísitca (RDL) que toma como base a toponimia de Galicia.

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.

Este inverno, A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, Viveiro, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...- mostrarase unha app que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.

Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos hisóricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
  • Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


Axenda de Toponimízate

Data e hora

Lugar

Concello

Provincia

30 de novembro, 19:30Sala ValenteOurenseOurense
1 de decembro, 19:30Casa da Cultura Santeiros de ChaveLousameA Coruña
2 de decembro, 12:00Auditorio do Centro Cívico e SocioculturalArteixoA Coruña
4 de decembro, 19:30Salón de plenos da Casa do ConcelloBoqueixónA Coruña
5 de decembro, 20:00Salón de plenos da Casa do ConcelloO CarballiñoOurense
7 de decembro, 12:00Telecentro do Edificio MultiúsosMelideA Coruña
14 de decembro, 19:30Salón de plenos da Casa do ConcelloCangasPontevedra
15 de decembro, 19:30Centro SocioculturalSoberLugo
16 de decembro, 12:00Biblioteca MunicipalVedraA Coruña
18 de decembro, 19:30Casa da CulturaOutesA Coruña
21 de decembro, 19:30Casa da XuventudeSilledaPontevedra
27 de decembro, 18:00Centro ÁgoraA CoruñaA Coruña
28 de decembro, 12:00Casa da CulturaPalas de ReiLugo
28 de decembro, 20:00Sala das Cunchas da Casa do ConcelloO GrovePontevedra
12 de xaneiro, 18:30Sala multiúsos da Casa do ConcelloViveiroLugo