Programa de dinamización lingüística orientado á transmisión interxeracional do galego Os Axóuxeres incluíu unha serie de televisión que emitiu a Televisión de Galicia e que aínda se pode ver no seu web.
Os primeiros xogos coas palabras son unha vivencia esencial da cultura que compartimos e unha maneira de aprender e de crear lazos de unión entre pais/nais e fillos/fillas. Coas palabras, coas cantarelas e cos enredos transmítense afectos, acougo para adormecer e motivación para espertar os sentidos. Tamén axudarán a iniciar de maneira lúdica o neno ou a nena na lingua galega, nos ritmos, na rima, na psicomotricidade. Velaquí tedes algúns xogos e cantigas para dicirlle con moito agarimo.
Os nove meses de xestación son unha etapa de cambios, de ilusión e, asemade, de certa inseguridade e inquedanza, porque intuídes que a chegada dun bebé cambiará as vosas vidas.
Velaquí tres fermosas curtas de animación para gozar e traballar nas escolas infantís ou en familia: Os sete cabritos, A pota que trota e Fiz, o coleccionista de medos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística anima o profesorado a utilizalos xunto coas propostas didácticas que os acompañan. E os pais e nais, a gozar deles cos seus pequenos.