A Xunta pon en marcha unha nova edición do concurso ‘Nós tamén creamos’

Volver

O certame de curtas de animación en galego busca promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega e favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos formatos

Establécense catro categorías dende o segundo ciclo de Educación Infantil ata sexto de Educación Primaria

Os traballos presentados deben ser unha adaptación cinematográfica de animación en stop motion dalgunhas das obras literarias facilitadas aos centros

Trátase dun programa conxunto das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025

 A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do concurso de curtametraxes en galego Nós tamén creamos, desenvolto polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lle ofrece á cativada a sección infantil da páxina web da Televisión en Galicia.

Neste senso, a convocatoria está composta por catro categorías que van dende o segundo ciclo de Educación Infantil ata sexto de Educación Primaria e para as que se outorga cadanseu premio e, se así o decide a Comisión de Selección, un accésit para cada categoría. Entre os requisitos dos  traballos, está que deben ser unha adaptación cinematográfica de animación coa técnica stop motion dalgunhas das obras literarias que se lles facilitaron aos centros participantes, ter calidade DVD e unha duración máxima de 5 minutos. Ademais, deben incluír un espazo de créditos finais no que recollerán o nome das persoas que participaron na súa creación.

A participación na convocatoria

Os centros de titularidade pública admitidos no programa Nós tamén creamos, dentro do Plan Proxecta+ 2025-2026, quedan inscritos de oficio no concurso. Aqueles outros centros de titularidade pública que non estean en Proxecta e que desexen participar deben presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta. A data límite para enviar as curtas elaboradas é o 30 de abril de 2026.

O profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. De ser o caso, o profesorado que participe nas curtas recoñecidas cun accésit recibirá unha certificación de Accésit.

Aos colexios entregaráselles, ademais dun lote de libros, un contrasinal de entrada a unha plataforma de contidos dixitais en galego para poder acceder aos álbums ilustrados durante o curso 2025-2026. Neste senso, as curtametraxes gañadoras e as demais participantes, no seu caso, serán emitidas e difundidas na sección infantil da Televisión de Galicia.

Departamento: Tema: