'Nadal en Rede' despídese coa participación máis alta das súas cinco edicións

Volver
  • 'Nadal en Rede'
  • 'Nadal en Rede'
  • 'Nadal en Rede'
  • 'Nadal en Rede'

Obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades cos Bolechas emprazaron o público familiar e a cativada dos concellos da Rede de Dinamización ao longo de tres semanas para gozar das festas en galego e reforzar as programacións municipais propias destas datas

Santiago, 9 de xaneiro de 2017.- O programa de dinamización lingüística 'Nadal en Rede', pertencente á programación de actividades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, concluíu o pasado sábado no concello pontevedrés de Barro cos datos de participación máis altos das súas cinco edicións ata o momento: preto de 5000 asistentes. Obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades cos Bolechas emprazaron o público familiar e a cativada ao longo de tres intensas semanas para convidalos a gozar das festas en galego e reforzar as programacións municipais propias destas datas.

Con el, as figuras máis emblemáticas do Nadal galego -os Reis Magos e o Apalpador- e tamén os coñecidos Bolechas e a música e os textos de Suso Vaamonde e Neira Vilas chegaron a medio cento de concellos da man de Inacio Vilariño (Fantoches Baj), Uxía e Santi Cribeiro, A Roda, Brazolinda Bolanda) e Uxía e Santi Cribeiro.

Medio cento de actividades nos concellos durante tres semanas
‘Nadal en Rede 2016’ despregou a súa quinta edición do 17 de decembro ao 7 de xaneiro con actividades nos concellos de Trazo, Aranga, A Pobra do Brollón, Barbadás, Rianxo, O Incio, Ourense, Toques, Mazaricos, O Carballiño, Santa Comba, Toén, Carnota, Xinzo de Limia, Abegondo, Guitiriz, A Laracha, Manzaneda, Redondela, Oleiros, A Peroxa, Castro de Rei, O Grove, O Vicedo, Rois, Tordoia, Muros, Ponte Caldelas, Cariño, O Porriño, Taboada, Cabanas, O Grove, Mondoñedo, Cerdedo-Cotobade, Xinzo de Limia, Malpica de Bergantiños, Dumbría, O Rosal, Ribadumia, Padrón, Coristanco, Xove, Barreiros e Barro, todos eles pertencentes á RDL.

Xogos e xoguetes en galego
O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quixo apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, incluíu na súa programación un Obradoiro de xogos e xoguetes en galego que a empresa xogueteira Brazolinda levou a dez concellos.

Nadal de vila en vila
Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolveron noutras dez localidades un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, aos que lles pediron axuda para contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas cos instrumentos de percusión que levaron para a ocasión. Así, foron coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que puideron ser empregados nos fogares durante a celebración das festas, para celebrar en galego estas datas tan especiais.

Cantarolas para xente miúda
Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofreceron un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñecesen 'Cantarolas para xente miúda', un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. Púdiose gozar tamén en dez localidades galegas.

Cos Reis Magos, en galego
Como outros anos, o programa puxo a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta "resposta dos Reis Magos" para que os nenos e nenas puidesen recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua.

O Portal da Lingua Galega tamén lles ofreceu aos Reis discursos na nosa lingua que se puideron ler na noite da cabalgata para que todos os sentiramos falar no idioma propio de Galicia.

E tamén co Apalpador
Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

Os Bolechas, Nadal en familia
Os irmáns animados máis famosos de Galicia, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá Bolechas e mais o seu can Chispa, celebraron este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañaron mentres xogaban. Houbo concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo... e moitas outras actividades divertidas en galego para toda a familia.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua