Volve o ‘FalaRedes’ cunha nova actividade familiar e participativa protagonizada polos Bolechas

Volver
  • O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe á mañá a nova proposta, acompañado pola alcaldesa de Moraña
  • O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe á mañá a nova proposta, acompañado pola alcaldesa de Moraña
  • O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe á mañá a nova proposta, acompañado pola alcaldesa de Moraña

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe á mañá a nova proposta, acompañado pola alcaldesa de Moraña

‘Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas’ arrancará o vindeiro sábado no concello pontevedrés para percorrer ata novembro 21 localidades da Rede de Dinamización Lingüística

A cita é, con entrada de balde, na Casa da Cultura ADR Castelao ás 18,00 horas

Moraña (Pontevedra), 12 de setembro de 2017.- A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes retoma as súas propostas e faino cunha nova actividade familiar e participativa protagonizada pola familia animada máis famosa de Galicia, Os Bolechas. O secretario xeral, Valentín García, presentou hoxe á mañá en Moraña a nova actividade Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas, que chegará a este concello pontevedrés o vindeiro sábado, 16 de setembro, para iniciar nel a xira que a levará en exclusiva a 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A cita é ás 18,00 horas na Casa da Cultura ADR Castelao, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade deste espazo.

O responsable de Política Lingüística sinalou que se trata dunha actividade “especificamente pensada para familias novas con cativada dos catro aos dez anos, para quen os coñecidos bonecos son referentes galegofalantes cos que ano a ano tentamos chegar con temáticas e propostas diversas pero sempre atractivas co obxectivo de animalos a participar, a socializar e a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida”. Acompañárono na presentación a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e mais un dos responsables de Bolanda Edicións, Tomás Valín.

O espectáculo chegará, do 16 de setembro ao 5 de novembro, a Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. Toda a información xa está dispoñible no enlace.

‘Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas’


Os seis irmáns Bolechas e o seu can Chispa non podían faltar á súa cita co programa de dinamización lingüística FalaRedes. Aquí chegan, un ano máis, para percorreren este outono 21 entidades da Rede de Dinamización Lingüística cunha actividade familiar e participativa.

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Como é habitual, nesta proposta dos Bolechas para FalaRedes a participación non se limita ao día do espectáculo, senón que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías. Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder  á páxina web para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

Trátase da cuarta proposta de dinamización lingüística que chega á RDL en exclusiva da man dos Bolechas, que xa levaron as actividades Os Bolechas na máquina do tempo, Os Bolechas e o sabichón e mais Os Bolechas van ás Olimpíadas en edicións anteriores do FalaRedes.

‘FalaRedes 2017’


A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua