67 obras de 22 editoras benefícianse das axudas para a tradución e edición do libro galego

Volver

A Consellería de Cultura e Educación resolve a liña de subvencións bianual para a tradución do galego a outras linguas e doutras linguas ao galego, dotada con 200.000 euros

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018.- A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, acaba de resolver as axudas á tradución a outras linguas de obras publicadas en galego e á tradución ao galego de obras publicadas noutras linguas, así como para a súa edición. Trátase dunha subvención de carácter bianual, á que se destinan 200.000 euros e da que se van beneficiar 67 publicacións de 22 editoras diferentes.

Con esta orde de axudas, Cultura pretende facilitar que se atopen na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que proporcionar ás nosas autoras e autores vías para exportar a súa produción. Coa subvención da edición das obras traducidas poténciase a publicación e comercialización do libro, para contribuír ao enriquecemento do patrimonio bibliográfico galego. Á subvención da tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, mentres que o 40% restante vai para a tradución desde o galego para outras linguas.

Un total de 50 obras de 11 editoras foron traducidas ao galego, mentres que 17 libros doutras 11 editoras foron vertidas do galego a outras linguas, como o inglés, o portugués, o castelán ou o francés, pero tamén ao macedonio, o armenio ou o serbio.

Unha axuda máxima de 6.000 euros

A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros, contía que acadou Small Stations Press pola tradución ao inglés da obra de Elena Gallego Dragal IV. A estirpe do dragón. Achegáronse ao máximo obras como Guía para o descenso enerxético, que a Promotora Cultural Malagueña verteu ao castelán, con 5.942,46 euros; ou Como se fai unha rapaza, traducido ao galego por Rinoceronte Editora, con 5.900 euros. Novovinilo Edicións traduciu ao galego The zone of interest, para o que tivo unha axuda de 5.740 euros.

Á editora Treci Trg concédenselle 1.200 euros pola tradución ao serbio a Antoloxía Poética de Yolanda Castaño, mentres que a tradución ao inglés da obra Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, un dos grandes éxitos da literatura xuvenil galega, proporciónalle a Small Stations Press 2.880 euros. A novela que adaptou ao cine Ridley Scott para facer Blade Runner, Soñan os androides con ovellas eléctricas, foi traducida ao galego por Kalandraka Editora, para o que a empresa acadou 3.840 euros.

A resolución pode consultarse na web www.cultura.gal e tamén no DOG de hoxe.

Para a resolución desta axudas –dirixidas a persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras–, no proceso de avaliación dos proxectos tivéronse en conta criterios como o número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua editadas nos últimos 25 anos, actualidade da obra, vixencia da propiedade intelectual ou interese do proxecto para a cultura galega, entre outros.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua