Catro concellos do Salnés mellorarán os seus centros socioculturais grazas a colaboración económica da Consellería de Cultura e Turismo

Volver

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou os case 95.000 euros destinados por este departamento autonómico para sete concellos da área territorial

Tamén destacou os máis de 17.500 euros destinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os centros educativos desta comarca de cara a continuar a traballar en proxetos de fomento do idioma galego

Pontevedra, 27 de maio de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe os case 95.000 euros destinados pola Consellería de Cultura e Turismo para sete proxectos de mellora de centros socioculturais na área da Delegación Territorial de Pontevedra, dos cales, catro corresponden a comarca do Salnés.
Trátase da resolución das axudas para a mellora e dotación de equipamento das instalacións destinadas á programación de actividades culturais.

Na comarca do Salnés beneficiaranse o concello de Meis, cunha axuda de 1.976 euros para a mellora de quipamentos informáticos da biblioteca pública municipal; o concello do Grove que poderá crear unha sala de fondo local na biblioteca cunha axuda de 1.633 euros. O concello de Ribadumia tamén beneficiarase dunha axuda de 14.194 euros para a reparación do auditorio municipal de Santa Baia, así como o concello de Sanxenxo que recibirá 6.279,51 euros para realizar obras na Casa de Don Fernando.

En total, en Galicia, a administración autonómica investirá preto de 500.000 euros en 40 concellos para a adquisición de equipamento e na mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais no marco das axudas convocadas no pasado mes de febreiro.

Todos os proxectos subvencionados polo Goberno autonómico desenvólvense en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións que se levarán a cabo ao amparo desta orde de axudas están melloras nas instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas, adquisición de equipamento audiovisual ou a compra de material escénico, entre outras.

A Consellería de Cultura e Turismo considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades con menor poboación, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

Ao abeiro da orde de axudas impulsada pola Xunta realizaranse proxectos nas catro provincias. No caso da provincia de Pontevedra executaranse sete proxectos que contarán cun investimento de máis de 90.000 euros. As accións levaranse a cabo nas instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais dos concellos de Meis, O Grove, Cerdedo-Cotobade, Oia, Ribadumia, Sanxenxo e Cuntis.

A axuda máxima para cada beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90% do orzamento total do proxecto subvencionable.

Fomento do galego

Por outra banda, José Manuel Cores Tourís tamén destacou os 17.567 euros destinados pola Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística aos centros educativos da comarca do Salnés co obxectivo de fomentar o uso do galego no curso escolar 2018-19.

En total, na provincia de Pontevedra beneficiaranse 328 centros con case 120.000 euros que permitirán continuar a traballar nos proxectos de fomento e uso do idioma galego nos diferentes centros de titularidade pública de Galicia.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua