Resolución do Concurso-Exposición sobre a escritora e xornalista Begoña Caamaño, a quen se lle dedican as Letras Galegas 2026
A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocan o concurso para elaborar unha exposición sobre a escritora e xornalista Begoña Caamaño, a figura homenaxeada en 2026 no Día das Letras Galegas, e sobre a situación sociolingüística do momento en que viviu.
Resolución
A Secretaría Xeral da Lingua convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para elaborar unha exposición sobre Begoña Caamaño, a escritora e xornalista homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.
Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Begoña Caamaño, un camiño de sementes, elaborada polo CEIP Plurilingüe Ribadavia, de Ribadavia (Ourense). Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada é De Circe a Morgana, do IES Castelao, de Vigo (Pontevedra).
Cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e época da homenaxeada o Día das Letras Galegas.
O centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2 000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 horas no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).
A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior, bibliotecas e outros; e tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola SXL e polos equipos de dinamización da lingua galega.
A SXL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo da comunidade educativa. Pódese consultar a Resolución da convocatoria do concurso no documento anexo.
Convocatoria
Poderán participar os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Concederanse dous premios, un para cada unha das dúas categorías de participación:
- Categoría A: educación infantil e primaria
- Categoría B: educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial
O centro que elabore a exposición gañadora de cada categoría recibirá un premio por valor de 2 000 €.
O profesorado que participe de forma activa na elaboración das exposicións gañadoras recibirá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para a persoa coordinadora).
O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 23 de xaneiro de 2026.