A Xunta destaca a importancia de fomentar a literatura infantil e xuvenil en lingua galega

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura do Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024)

Enmárcase na celebración do 20 aniversario da Rede Temática de Investigación ‘Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano’

Tamén presenta o libro ‘Somos hip-hop’, que lle achega os fundamentos e segredos desta disciplina á mocidade

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21.

No acto de inauguración destas xornadas participou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou o papel da dita rede “para difundir ao longo destes 20 anos o extraordinario valor da LIX en lingua galega e poñela no lugar que lle corresponde”.

O Seminario está aberto ao público xeral e reúne entre hoxe e mañá numerosos representantes do ámbito galego, castelán, catalán, vasco e portugués, así como outros chegados do Brasil, Chile e México para intercambiar experiencias e  presentar os proxectos de investigación que manteñen en activo ao redor da literatura infantil e xuvenil. A programación completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

20 anos promovendo a literatura infantil

A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.

Cada ano, coa pretensión de ofrecerlles ferramentas útiles a aquelas persoas mediadoras entre o libro e a lectura, a rede presenta un novo monográfico que recompila e analiza as lecturas recomendadas para a mocidade arredor dun tema concreto. Nestes 20 anos os volumes xa trataron aspectos como a vellez, o cómic, as mulleres como axentes literarios, as guerras, o multiculturalismo, a inmigración ou o teatro.

Somos hip-hop

Tamén orientado a un público lector xuvenil, o secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe o volume Somos hip-hop. Fundamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox, da autoría de Pablo Castiñeira e David Brey.

A través deste libro, producido pola entidade Vella Escola, os lectores e lectoras adentraranse no universo do hip-hop, nado na década dos 70 en Nova York, para descubrir os fundamentos, trucos e segredos de cada unha das disciplinas deste movemento sociocultural.

A proposta, a primeira que afonda neste campo en lingua galega, contén unha ampla colección de imaxes orixinais, ademais dun código QR que permite acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua