O secretario xeral da Lingua participa na entrega do premio ao Instituto Castelao na súa correspondente categoría

Valentín García destaca “a capacidade investigadora e creadora dos escolares” no Concurso das Letras Galegas impulsado pola Xunta

Trátase dunha convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da de Educación, Ciencia, Universidades e FP que implica o alumnado con esta efeméride

A exposición elaborada polo centro vigués fai un percorrido pola obra, época e situación sociolingüística da homenaxeada este ano

Os carteis e demais materiais están dispoñibles no Portal da Lingua

Vigo, 28 de abril de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou hoxe no Instituto Castelao, en Vigo, o alumnado que resultou premiado no Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, no que colabora a Xunta de Galicia coa intención, destacou, “ de implicar as xeracións máis novas neste tipo de efemérides que celebran a nosa cultura e incentivan a capacidade investigadora e creadora dos escolares”.

Ao respecto, o representante do Goberno galego lembrou que esta iniciativa, convocada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, “convida cada ano a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviu a persoa homenaxeada”, destacando “a calidade dos traballos presentados e a cooperación entre a comunidade educativa”.

Neste senso, Valentín García felicitou ao Instituto vigués pola proposta De Circe a Morgana, coa que “os participantes plasmaron de maneira transversal” a vida e a época de Begoña Caamaño cunha técnica “moderna e orixinal”. A súa foi a exposición gañadora na categoría B do concurso, destinada a Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, mentres que na categoría destinada a centros de Educación Infantil e Primaria o premio foi para o colexio de Ribadavia, en Ourense.

Cómpre destacar que a colección de dez carteis que integra cada exposición e a súa correspondente guía didáctica está a ser distribuída en centros educativos de Galicia e do exterior, ademais de bibliotecas e outros espazos culturais. Tamén está dispoñible no Portal da Lingua para a súa descarga libre e gratuíta, xunto con outros materiais como marcapáxinas.

Ademais, cada un dos centros gañadores recibe un premio de 2.000€, mentres que o profesorado implicado no deseño e elaboración dos traballos obtén unha certificación de primeiro premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Educación, Lingua