Máis de 100 concellos impartirán cursos de lingua e cultura galega a partir do mes de xullo

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta as actividades formativas que se levarán a cabo ata 2027

O representante da Consellería de Cultura explica que a proposta, dirixida á nova poboación galega, busca favorecer a súa inclusión na sociedade

A Xunta aposta pola continuidade desta iniciativa tras superar os 1.500 participantes en 2025

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

Máis de 100 concellos impartirán a partir de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas destinados á poboación non nada na Comunidade para favorecer a súa “integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva”, tal e como destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada de formación celebrada hoxe para as entidades locais que acollerán estas propostas.

Tal e como lembrou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro desta iniciativa, unha das medidas inmediatas postas en marcha no marco do Pacto pola Lingua para fomentar o prestixio do galego, realizáronse o ano pasado un total de 105 cursos con 1.503 participantes de ata 39 nacionalidades.

Neste senso, Valentín García destacou que “a poboación proveniente do exterior e asentada no territorio é un dos núcleos da sociedade onde poñemos o foco para incentivar a presenza da lingua, poñendo á súa disposición ferramentas para achegarse tanto a nocións de gramática básica como a contidos culturais e históricos”. Así, “tras a grande acollida na súa primeira edición”, puntualizou, porase en marcha de novo este programa formativo ata o primeiro semestre de 2027 e que se desenvolve a través da Rede de Dinamización Lingüística, así como a través de varios convenios de colaboración con Cáritas Federadas Galicia, Cáritas Diocesana Lugo e a Cruz Vermella

Do léxico útil a unha aproximación ao contexto histórico galego

Este curso está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; de gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; de léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás, e culturais, nos que tamén hai unha aproximación á historia do galego.

Cómpre destacar neste senso que, grazas a esta iniciativa, que se desenvolveu durante o 2025, elaboráronse materiais en liña descargables que agora están dispoñibles de xeito gratuíto no Portal de Lingua para calquera persoa interesada.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua