Valentín García agradece o “esforzo e interese pola lingua e cultura de Galicia” dos participantes nos cursos para estranxeiros

O secretario xeral da Lingua entrega os diplomas a 25 persoas nadas fóra de Galicia que realizaron a formación a través de Cáritas en Santiago de Compostela

Lembra que se trata dunha iniciativa, desenvolvida ao abeiro do Plan xeral de normalización da lingua galega, que “favorece a integración social”

Desde a súa posta en marcha, xa tomaron parte nestas unidades didácticas máis de 1.500 persoas de ata 39 nacionalidades diferentes e están previstos para 2027 outras 150 novas propostas

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, agradeceu hoxe o “esforzo e interese pola lingua e cultura de Galicia” dos participantes nos cursos para estranxeiros impulsados desde a Xunta de Galicia. Fíxoo na entrega dos diplomas ás 25 persoas que participaron nos cursos impartidos en Cáritas en Santiago de Compostela no marco das primeiras medidas postas en marcha coa renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo acompañado pola directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Pilar Farjas, explicou que esta iniciativa, na que xa participaron 1.500 persoas de ata 39 nacionalidades, refórzase o vindeiro ano ao abeiro das preto de 700 medidas incluídas no Plan. “Ao longo do próximo exercicio continuaremos realizando cursos co fin de incorporar a poboación inmigrante á lingua propia de Galicia e de garantirlles unha oferta formativa accesible, atractiva e gratuíta á vez que favorecemos a integración social”, indicou Valentín García.

Para conseguilo, tal e como precisou o secretario xeral da Lingua, seguirase contando coa colaboración de concellos e entidades como Cáritas Federadas Galicia, Cáritas Diocesana Lugo ou Cruz Vermella na oferta de cursos co obxectivo de chegar, no ano 2027, a máis de 2000 persoas nadas fóra da Comunidade.

No caso concreto do curso impartido en Santiago de Compostela cómpre destacar que participaron na formación 25 persoas procedentes de países como Arxelia, Arxentina, Brasil ou Colombia que recibiron clases desde o pasado 14 de setembro. Neste senso, Valentín García aproveitou a ocasión para animalos a continuar nesta senda de aprendizaxe para “converterse en novos galegofalantes”.

Aproximación á realidade galega

Este curso está estruturado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; de gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; de léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás, e culturais, nos que tamén hai unha aproximación á historia do galego. Cómpre destacar que tamén se elaboraron materiais en liña descargables que están dispoñibles de xeito gratuíto no Portal da Lingua para calquera persoa interesada.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua