Estudantes da Universidade de Perugia impulsan a difusión da cultura galega
Con motivo do décimo aniversario do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia, un grupo de estudantes de Lingua e Literatura Galegas (Isabella Iannilli, Ludovico Russo, Annamaria Sgambetterra e Chiara Uffreduzzi) puxo en marcha unha iniciativa destinada a promover a cultura galega e dar maior visibilidade ás actividades do Centro.
No marco desta acción, creáronse dúas canles de comunicación en redes sociais:
- Instagram: Centro de Estudos Galegos (https://www.instagram.com/centrodidatismogaleghi/ )
- Facebook: Literatura e Cultura Galegas - Unipg (https://www.facebook.com/unipgalego)
A programación prevé a publicación de tres contidos mensuais estruturados arredor de tres liñas principais: a posta en valor das actividades culturais organizadas polo Centro (recitais poéticos, concertos, proxeccións cinematográficas e conferencias), a presentación de figuras relevantes da literatura galega e a divulgación de culturemas que permitan achegarse a elementos significativos da lingua e da cultura de Galicia.
Así mesmo, con motivo do Día das Letras Galegas, desenvolverase unha campaña específica orientada a salientar a importancia desta celebración e a ampliar o seu alcance entre a comunidade universitaria e o público xeral.