Volver

Toponimia

A lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galicia é a galega.

A determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia correspóndelle, segundo a dita lei, á Xunta de Galicia. Correspóndelles, non obstante, aos concellos dispoñer o nome das vías urbanas.

A Xunta de Galicia conta cun órgano de estudo, asesoramento e consulta para a fixación dos nomes oficiais da toponimia galega, a Comisión de Toponimia, que foi creada en 1984, a través do Decreto 43/1984, do 23 de marzo, e réxese actualmente polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño.

Nomenclátor e microtoponimia

Publicado no ano 2003, o Nomenclator de Galicia. Toponimia oficial das provincias, concellos, parroquias e lugares supuxo a culminación do proceso de fixación da toponimia oficial, acometido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia durante máis de dúas décadas.

Unha vez rematada a fase de fixación da toponimia de entidades de poboación (Nomenclátor de Galicia), a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia promoveu a posta en marcha do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), orientado a recuperar toda a toponimia galega, tanto a referida a entidades de poboación como a outras realidades xeográficas (nomes de terras, fontes, regueiros, cruceiros, cons, areais...), fixarlle unha forma escrita e situala cartograficamente.
O PTG busca salvagardar un riquísimo patrimonio cultural, gravemente ameazado e con grande interese científico e cultural.

Textos legais

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa o marco para o uso oficial do galego en diversos ámbitos, contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega.

Artigo 10. Establece que a única forma oficial dos topónimos é a galega, que lle corresponde fixar á Xunta e que será a que e utilice de maneira oficial a todos os efectos e na rotulación.

Este precepto da Lei de normalización lingüística tivo un desenvolvemento normativo posterior para establecer:

• A Comisión de Toponimia, como órgano asesor do Goberno de Galicia nesta materia, o que se realizou a través do Decreto 43/1984, do 23 de marzo, modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño.
• O procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia, a través do Decreto 132/1984, do 6 de setembro.

Ademais destes textos legais, a política de salvagarda e protección do patrimonio toponímico ten amparo no Plan xeral de normalización da lingua galega, que fixa como unha das medidas neste ámbito: "Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede" (Medida 1.2.6. Sector 1. Administración. Área 2. Administración local).

Por outra banda, cómpre non esquecer que determinadas recomendacións internacionais, como por exemplo, as das Conferencias das Nacións Unidas sobre a Normalización de Nomes Xeográficos e Grupos de Expertos das Nacións Unidas sobre Nomes Xeográficos (GENUNX) e algunhas normas de ámbito estatal inciden directamente nas actuacións da Xunta de Galicia en materia de toponimia.

Patrimonio inmaterial

A Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, a instancias da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega incluíu o recoñecemento e protección da “toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios”.