Volver

Institucións

As institucións máis relevantes no desempeño de funcións relacionadas coa lingua galega son a Real Academia Galega (RAG) o Instituto da Lingua Galega (ILG), o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e o Consello da Cultura Galega (CCG).

A Real Academia Galega (RAG) é a institución encargada de establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega. Así o establece a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa como obxectivos da institución a elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica; o inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso e a modernización e actualización do léxico. Ademais disto, é tarefa da Academia, entre outras, estudar e propor a restauración da onomástica galega, velar polos dereitos do idioma galego, defendelo e promovelo, así como asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social.

A Real Academia Galega fixo no 2006 os seus primeiros cen anos, xa que se instituíu oficialmente en setembro de 1906. O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía. Actualmente, presídea o catedrático de literatura Xesús Alonso Montero.

O Instituto da Lingua Galega (ILG) é o centro de investigación lingüística, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, que asumiu un labor rigoroso de investigación da lingua e estableceu as liñas para a súa normativa, en colaboración coa Real Academia Galega, que ten a potestade de a aprobar. O labor investigador que desenvolve o ILG aborda diferentes campos: a lexicografía, a xeografía lingüística e a dialectoloxía, a onomástica, a fonética, a gramática, a sociolingüística e a historia da lingua. Na actualidade, dirixe o ILG Ernesto X. González Seoane.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi creado en 1993 coa intención de promover, desenvolver e difundir programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos do galego. As súas investigacións e publicacións son hoxe unha referencia no ámbito académico e cultural. O coordinador científico do CRPIH é Manuel González González.

O Consello da Cultura Galega (CCG) –creado ao abeiro do Estatuto de Galicia, como órgano consultivo do Goberno galego- integra na súa organización desde 1984 unha sección de lingua, que centra os seus esforzos na investigación, no asesoramento e na promoción da lingua na sociedade. Actualmente, coordina esta sección Dolores Vilavedra Fernández, baixo a presidencia de Ramón Villares Paz.