Volver

ORIXE E BREVE HISTORIA

Os primeiros tempos

O galego é unha lingua latina, pero conserva no seu léxico pegadas dos idiomas falados polos pobos que ocuparon o territorio de Galicia antes da chegada dos romanos e daqueloutros que se estableceron posteriormente ou cos que se mantivo contacto cultural.

O galego é fundamentalmente o resultado da evolución do latín que os romanos trouxeron ao noroeste peninsular

No galego actual permanecen algúns restos dos idiomas que se falaron en Galicia antes da chegada dos romanos (nomes comúns como veiga ou croio e numerosos topónimos como Sar, Oza ou Barallobre). Tamén os hai das linguas daqueles pobos que se estableceron na Idade Media en Galicia ou cos que, con posterioridade, se mantivo algún tipo de contacto cultural. Con todo, o galego é fundamentalmente o resultado da evolución do latín que os romanos trouxeron tras a conquista do noroeste peninsular.

Xa en tempos do Imperio Romano se falaba en Galicia un latín con características peculiares, derivadas da situación periférica da Gallaecia. O seu afastamento de Roma e a mala comunicación co resto do Imperio difucultaban a chegada das innovacións foráneas e a exportación das propias.

Coa desaparición do Imperio, estas condicións agudizáronse e a incomunicación dos distintos reinos xermanos que sucedeu á unidade política e cultural romana traduciuse en derivas diferenciadas do latín nas distintas partes do extinto Imperio.