Volver

ORIXE E BREVE HISTORIA

Século XX

 

A consolidación do galego como lingua formal e culta tivo lugar, aínda quen non sen sobresaltos e voltas atrás, no século XX. Cara ao seu final, de feito, conseguiuse o status de lingua oficial xunto co castelán, fixouse a norma ortográfica e morfolóxica e introduciuse a lingua propia de Galicia en ámbitos, coma o escolar, de onde estivera afastado durante séculos.

  • Asistentes á IV Asemblea das Irmandades da Fala (Monforte de Lemos, 1922)

    Asistentes á IV Asemblea das Irmandades da Fala (Monforte de Lemos, 1922)

 Antes da guerra civil

A recuperación literaria do galego foi ascendente e alcanzou un alto grao de desenvolvemento antes da guerra civil, superando as restricións de xénero e os condicionantes temáticos que a mantiveran durante a maior parte do século precedente limitada á poesía e ás temáticas arcaizantes ou ruralizantes.

Da  man da intelectualidade galeguista de preguerra, o galego estendeu o seu campo de acción ao ensaio e tamén fóra do espazo literario para ingresar con enerxía nos da oratoria política, o artigo de prensa ou as obras de carácter científico. Tamén se fixeron esforzos por avanzar na creación dun galego estándar, tarefa para a que se creou en 1905, co impulso de galegos da emigración, a Real Academia Galega. Todas estas angueiras víronse como necesarias para converter o galego nunha lingua axeitada para o industrializado e cada vez máis urbano século XXI.  Colectivos ou entidades importantes no desenvolvemento desta tarefa foron a Xeración Nós, as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos.

Mentres a elite cultural poñía o seu esforzo e a súa valía ao servizo do galego, a perda de monolingües neste idioma ía estendéndose debido á alfabetización exclusivamente en castelán e á falta total de presenza do noso idioma na Administración e na Igrexa. A influencia positiva da actividade daquela minoría intelectual galeguista non foi abonda para contrarrestar os efectos negativos derivados da situación subalterna do galego.

Durante este período alcanzou un considerable desenvolvemento o movemento nacionalista, unha de cuxas reivindicacións era a devolución a Galicia dos seus dereitos idiomáticos. Isto encontrou a súa formulación legal no Estatuto de autonomía, plebiscitado en xuño de 1936, que no seu artigo 40 establecía que "serán idiomas oficiais en Galicia o castelán e o galego". É o primeiro recoñecemento legal da oficialidade do galego en toda a historia. A guerra civil malogrou esta conquista.

 Da guerra civil á democracia

Entre as moitas consecuencias negativas da Guerra Civil hai algunhas que afectan moi directamente á recuperación do idioma:

1. Impediu a entrada en vigor do Estatuto de autonomía, no que se establecía a cooficialidade do galego.

2. Truncou o traballo dos homes que loitaron pola recuperación idiomática, ben eliminándoos fisicamente, ou ben anulándoos co exilio e o silencio.

O triunfo do franquismo supuxo a supresión das liberdades e a implantación dun novo ordenamento que exaltaba a unidade política de España e que reprimía calquera manifestación de diferencialismo que non fose de carácter folclórico. Nunca os gobernos totalitarios promulgan decretos prohibindo o uso dos idiomas. A aplicación da censura é medida suficiente para desterralos de calquera ámbito que non sexa o estritamente privado. A propaganda oficialista encárgase de crear conciencia de culpabilidade nos falantes. Isto confirmouse en Galicia.

Por iso hai tamén un longo período sen publicacións en galego e, despois, cando se toleran, sofren unha dobre censura: a ideolóxica e a idiomática.

Á parte da deterioración producida pola represión e a propaganda, houbo algúns cambios que repercutiron negativamente na situación social do galego durante o franquismo:

- Faise obrigatoria a escolarización no nivel básico.

- Popularízase a radio e, máis tarde, a televisión.

Ambos os dous medios, dos que está excluído o galego, son dunha enorme eficacia na difusión idiomática.

Por outra banda, nesta época dáse tamén un forte crecemento das cidades coa afluencia de xentes procedentes do campo. En moitos casos, este cambio de hábitat vai acompañado do abandono do galego e da adopción do castelán.

A partir da década dos 50, e especialmente despois do ingreso de España na Unesco, as medidas represivas contra o galego atenuáronse. Isto permitiu que algúns galeguistas sobreviventes da guerra acometesen a empresa de lle transmitir á xente nova o ideario do vello galeguismo, fundado principalmente na defensa idiomática. Hai que salientar nesta etapa o importante papel da editorial Galaxia.

Na década dos 60 madurou a primeira xeración de galegos que non viviu directamente a guerra civil. Nas principais vilas galegas organizáronse asociacións culturais que tiñan como fin prioritario a defensa do idioma galego.Ao mesmo tempo, comezan a organizarse partidos políticos na ilegalidade, que denuncian a represión idiomática e que defenden nos seus programas a oficialidade do galego. O traballo das asociacións e partidos foi de grande importancia na recuperación da autoestima idiomática.

Arredor do ano 1970, como consecuencia do ambiente creado na década anterior, comeza dentro da Universidade de Santiago de Compostela a preocupación polo estudo de Galicia.

No aspecto da investigación lingüística ten unha importancia capital a creación da cátedra de galego e o labor realizado dentro do Departamento de Filoloxía Románica e do Instituto da Lingua Galega.

O galego en democracia

A chegada da democracia supuxo o recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia e da súa cooficialidade co castelán, así como da obriga das Administracións públicas de promovelo.

A nova situación legal do galego esixía para a súa normalización a codificación gráfica e morfolóxica do idioma. Aínda que na historia da lingüística galega houbo sucesivas propostas de normativa, a formulación máis completa e coherente, entre as que consideran que o galego é un idioma, son as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, propostas polo Instituto da Lingua Galega e pola Real Academia no ano 1982, consideradas como oficiais pola Lei de normalización lingüística.

Todos estes cambios fixeron posible a entrada e, en moitos casos, o asentamento do galego, en novos ámbitos formais que lle estiveran vedados, como o da educación superior, a Administración, a política, os medios de comunicación etc. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e mesmo nos contextos familiares das principais urbes galegas, nas que está a aumentar a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.