Volver

Datos básicos da lingua galega

O galego é unha lingua romance –emparentada, xa que logo, con outras coma o portugués, o castelán, o catalán, o italiano, o francés, o romanés ou o sardo- que se orixinou no noroeste da península Ibérica hai arredor de 2000 anos e que continúa a ser, hoxe en día, a lingua da maior parte da poboación de Galicia.

 

Dos arredor de 2.800.000 habitantes censados en Galicia, aproximadamente 2.000.000 manifestan usar o galego de maneira habitual. Así mesmo a distribución do galego é xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o seu uso.
Este alto nivel de falantes e homoxeneidade territorial sitúan o galego nunha posición excepcional en comparanza con outras linguas minoritarias, e demostran a súa validez e vixencia en todo tipo de situacións comunicativas propias da vida moderna.