Volver

DATOS BÁSICOS DA LINGUA GALEGA

Status legal

O Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei de normalización lingüística son os dous textos legais básicos e fundamantais para o recoñecemento e a promoción da lingua galega e a garantía dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. 

O marco lexislativo vixente establece que a Administración ten a obriga de protexer e promover a lingua galega.

Estatuto de Autonomía de Galicia

O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, dispón no seu artigo 5º que:
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Lei de normalización lingüística


Así mesmo, a Lei de normalización lingüística, aprobada en 1983, sinala, no seu artigo 3, que os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua; no seu artigo 4.1, que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma; no seu artigo 6.1, que os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da comunidade autónoma; no seu artigo 6.2, que as actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada; no seu artigo 6.3, que os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns; e no artigo 10 que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos topónimos de Galicia.

Administración local


O artigo 7.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, da Administración Local de Galicia especifica que o galego, como lingua propia de Galicia, tamén o é da súa Administración local. Ademais, detalla que as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, resolucións nas comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais se redactarán en lingua galega. O punto 2 establece igualmente que, sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, tales entidades pódeno facer, ademais, na outra lingua oficial, o castelán. O artigo 7.3 dispón que a Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega.
Pola súa banda, a Lei 2/2009, de 23 de xuño, do texto refundido da función pública de Galicia, no seu artigo 35, establece que “a Administración garantirá os dereitos constitucionais e lingüísticos das cidadás e dos cidadáns galegos, tanto respecto do galego, como lingua propia de Galicia, como do castelán, lingua oficial en Galicia”.

O galego en Europa

O Parlamento europeo, a proposta do Goberno español, aprobou a utilización das linguas cooficiais de España, entre elas o galego, nas comunicacións dos cidadáns ao Parlamento europeo.
Igualmente, os cidadáns que desexen dirixirse en galego ao Defensor do Pobo europeo poderán facelo en virtude da entrada en vigor dun convenio entre España e este organismo comunitario, co que se pretende fomentar o uso das linguas cooficiais de España nas institucións da Unión Europea. O mesmo sistema funciona xa no Parlamento europeo en virtude dun acordo que tamén permite o uso dos tres idiomas no Consello de Ministros da UE e na Comisión Europea.

Dereitos da cidadanía

Así, pois, o marco lexislativo vixente imponlle á Administración a obriga de protexer e promover a lingua galega. Ademais recolle o dereito dos cidadáns a usala.
En síntese, pódese dicir que, durante os máis de trinta anos dende a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e a aplicación da Lei de normalización lingüística, producíronse avances decisivos en materia de normalización da lingua e de defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía.