Volver

Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. En 2026 terá lugar, pois, o 25 aniversario da conmemoración. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

  • © UNESCO/Montakarn Suvanatap

    © UNESCO/Montakarn Suvanatap

Este ano en que se fan os 25 da celebración do Día internacional da lingua materna, a Xunta de Galicia festexa a diversidade lingüística na Escola Infantil Virxe de Covadonga de Ourense, onde os nenos e nenas poderán gozar da actividade Latexos, unha orixinal proposta para bebés, da compañía K’Paparota Teatro, que a través de obxectos de mesa, de monicreques e de humor nos convida a mergullarnos na maxia das lendas galegas. A actriz Patricia Cameán trae a escena pitiños de ouro, vigas soterradas e cabalos capaces de dar saltos marabillosos que acompañan a cativada nunha viaxe chea de fantasía.

Lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

A UNESCO lémbranos que «os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. Con todo, a causa dos procesos de globalización, pesa sobre as linguas unha ameaza cada vez maior de extinguirse (...). Coa extinción dos idiomas mingua tamén a rica urda da diversidade cultural. Pérdense posibilidades, tradicións, lembranzas, modalidades únicas de pensamento e de expresión; recursos valiosos e necesarios para lograr un futuro mellor. (...) Afortunadamente, e grazas a que se asumiu a importancia que teñen estas linguas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada na lingua materna, en particular na educación primaria. Así mesmo, hai un compromiso cada vez maior para que se desenvolvan na vida pública. As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible. Por iso, debemos coidar de todas as linguas”.

Salvagardar a diversidade lingüística

As linguas son esenciais para a educación e o desenvolvemento sostible, xa que constitúen o principal medio de transmisión de coñecementos e preservación das culturas. Con aproximadamente 8.324 linguas no mundo, moitas corren o risco de desaparecer debido á globalización e ás transformacións sociais. Garantir que os sistemas educativos respecten o dereito para aprender na lingua materna é crucial para mellorar os resultados da aprendizaxe, xa que os estudantes, cando aprenden nunha lingua que entenden perfectamente, mostran unha mellor comprensión, compromiso e capacidade de pensamento crítico. A educación multilingüe, sobre todo nas linguas minoritarias e indíxenas, non só axuda os alumnos, senón que tamén fomenta unha conexión máis profunda entre a educación e a cultura, contribuíndo así a ter sociedades máis inclusivas e equitativas. O 25º aniversario do Día Internacional da Lingua Materna marca un cuarto de século de esforzos por preservar a diversidade lingüística e promover as linguas maternas. Esta celebración pon de relevo a importancia da preservación das linguas para salvagardar o patrimonio cultural, mellorar a educación e fomentar sociedades máis pacíficas.