Volver

Áreas galegofalantes fóra de Galicia

O galego é lingua oficial en Galicia, pero o seu uso esténdese máis alá das fronteiras administrativas. Chámaselle galego estremeiro ao galego falado historicamente en territorios da antiga Gallaecia, que hoxe pertencen ás provincias de Asturias, de León e de Zamora.

Na comunidade de Estremadura existe tamén un pequeno núcleo (Val do Xálima) de tres lugares nos que se fala unha variedade da lingua galega: Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. O galego destes territorios parte dunha situación de desequilibrio con respecto ao da Galicia administrativa, tanto no recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos falantes como nas medidas de protección e promoción da lingua galega.

O Estatuto de Autonomía de Castela e León sinala que “gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen”. Existen neses territorios grupos concienciados que traballan na defensa da lingua galega e hoxe introduciuse a súa aprendizaxe en centros escolares do Bierzo e Sanabria. Así e todo, é aínda un obxectivo garantir a formación en lingua galega nos centros de ensino das comunidades de fala galega de fóra de Galicia e tamén o acceso aos medios de comunicación públicos galegos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística presta a axuda demandada por estas comunidades para o mellor coñecemento, conservación e progreso da lingua que nos é común.

Relación de concellos nos que se fala galego

  • Asturias
    • Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión.
  • Castilla y León
    • León: Arganza, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingos Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais e Vilafranca do Bierzo.
    • Zamora: As Pías, Porto, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería (lugar de Calabor).
  • Extremadura
    • Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello.