Volver

O galego na Unión Europea

O galego é desde finais de 2005 lingua presente nas institucións europeas. Este feito constitúe un recoñecemento ao plurilingüismo natural dos países que a integran. Os cidadáns e as cidadás de Galicia que se dirixan aos órganos europeos que os representan poden usar tamén o galego para esas comunicacións e teñen dereito a recibir contestación nesta lingua.

Os cidadáns e cidadás teñen a dirixirse ás institucións e órganos da Unión Europea en galego

O 13 de decembro de 2004 o Goberno español solicitoulle ao Consello da Unión Europea que lles concedese ás linguas cooficiais en España o estatuto de lingua oficial da UE. A proposta española supoñía a incorporación do galego, éuscaro e catalán / valenciano á lista de linguas oficiais europeas prevista no Regulamento 1/1958 polo que se fixaba o réxime lingüístico da Comunidade Económica Europea. 

Aínda que o Consello de Europa non concedeu a devandita oficialidade, si que decidiu institucionalizar o uso destas linguas nos tres ámbitos que sinalan as conclusións do Consello do 13 de xuño de 2005, que se resumen no seguinte:

1- Os cidadáns poderán ter dereito a dirixirse ás institucións e aos órganos da Unión Europea nunha destas linguas.
2- As institucións poderán permitir o uso destas linguas nas sesións orais.
3- Os actos derivados do procedemento de codecisión poderán ser traducidos a estas linguas.

Uso do galego na Unión Europea

Desde finais de 2005, diversas institucións e organismos da UE veñen asinando acordos administrativos co Estado español para posibilitar o emprego das linguas cooficiais nas condicións fixadas polo Consello:

  • O Comité das Rexións (acordo de 16 de novembro de 2005)
  • A Comisión Europea (acordo de 21 de decembro de 2005)
  • O Consello de UE (17 de febreiro de 2006)
  • Comité Económico e Social Europeo (7 de xuño de 2006)
  • Parlamento Europeo (3 de xullo de 2006)
  • Defensor do Pobo Europeo (20 de novembro de 2006)
  • Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas (acordo de 27 de abril de 2009)

O Tribunal de Contas non ten subscrito acordo ningún polo momento.

Uso escrito

O procedemento xeral recoñecido en todos os acordos establece que o cidadán, no canto de enviar a carta directamente á institución ou ao órgano europeo co que queira contactar, debe enviala a un organismo designado polo Estado español: a Oficina para as Linguas Oficiais. Este encargarase de elaborar unha tradución certificada e de enviala ao órgano ou institución comunitaria competente De existir un prazo, este computarase a partir do día no que a institución ou órgano europeo competente reciba a tradución enviada polo órgano designado.
Excepción a este sistema é o Parlamento Europeo que se encargará directamente de realizar as traducións pertinentes da correspondencia entre os cidadáns e a institución. A Comisión Europea e o Comité Económico e Social tamén contemplan a posibilidade de que sexan os seus propios servizos internos os encargados de elaborar a tradución, sempre que os medios necesarios estean dispoñibles.
En ningún caso as institucións ou organismos europeos se responsabilizarán do contido da tradución do organismo designado ou dunha mala interpretación derivada desta.

Uso oral

O Consello da UE e o Comité das Rexións permiten intervir en galego nas súas sesións e plenos. En ambos os casos a Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER) deberá solicitar esta posibilidade ante estes órganos con antelación. Nos dous casos, concederase a interpretación pasiva se se dispón dos medios materiais e do persoal necesarios.
Tradución ao galego da lexislación comunitaria decidida conxuntamente polo Parlamento Europeo e o Consello (actos adoptados en codecisión)
O Estado español publicará os textos emanados do procedemento de codecisión na páxina web da Administración Xeral do Estado e correrá con todos os gastos que ocasione a tradución destes. Deberá, así mesmo, enviar unha copia certificada e electrónica á Secretaría Xeral do Consello, que lles facilitará copias, preferentemente electrónicas, aos cidadáns que o desexen.